Cunha poboación menor de 14 anos que supera os 1.760 nenos e nenas só contan cun pediatra.

 

O BNG voltou denunciar este luns a «precariedade» dos servizos sanitarios de atención primaria no Concello de Barbadás, «tantos anos como leva o PP prometendo a construción dun novo centro de saúde».»Porén, as veciñas e veciños de Barbadás seguen a sofrir as deficientes instalacións onde actualmente se pasan as consultas así como o escaso número de profesionais que atenden á poboación», lamentan os nacionalistas.

Recordan desde o Bloque que a mobilización popular, acompañada de inicativas desta formación, conseguiu hai 10 anos un pediatra que, nun principio, só pasaba consulta 3 días á semana. «Hoxe, cunha poboación menor de 14 anos que supera os 1.760 nenos e nenas seguimos cun só pediatra. Asemade, as veciñas e veciños de Barbadás teñen que acudir a outros centros de saúde para recibir atención odontolóxica , fisioterapia, etc.», critican.

O candidato do BNG-Asembleas Abertas á alcaldía de Barbadás, Xosé Manoel Fírvida, compara a situación de Barbadás con outros municipios ourensáns de similar poboación:  por exemplo Xinzo, con 10.200 censados, ten dous pediatras, ao igual que Allariz (con 6.060 censados) e Celanova (5.615 veciños), e mesmo Ribadavia ten catro con 5.000 habitantes.

Fírivida anuncia que no próximo mandato esixirá da Xunta que se inclúan nos orzamentos para o ano 2016 os cartos necesarios para que o novo centro de saúde estea rematado no próximo ano e que se dote dos medios humanos e técnicos necesarios para prestar servizos de calidade.