É o maior de Galicia, situado na serra de San Mamede a máis de 1.300 metros de altitude e cunha superficie de preto de 2.000 hectáreas.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, visitou este 7 de abril o Bidueiral de Montederramo, emprazado na serra de San Mamede que destaca polo seu bo estado de conservación e por ser unhas fragas de características septentrionais situadas máis ao sur.

Rogelio Martínez, acompañado polo alcalde de Montederramo, Antonio Rodríguez, percorreu os camiños do roteiro de circunvalación deste ZEC (zona de especial conservación), pertencente á Rede Natura 2000, con inicio e chegada ao lugar Campo do Casar. Recentemente nestes camiños executáronse accións de mellora da paisaxe e de sinalización para o fomento de uso recreativo deste roteiro, ao abeiro das axudas a actividades, actuacións ou medidas de concellos incluídos na Rede Natura 2000, concedidas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O delegado territorial subliñou o apoio da Xunta a toda actuación dirixida á conservación do noso patrimonio paisaxístico. No caso concreto do Bidueiral de Montederramo, Martínez destacou que as actuacións desenvolvidas neste lugar -grazas á liña de axudas establecida pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza- teñen por obxecto,ademais, “facilitar o acceso ás explotacións agrarias,a realización das actividades forestais das Comunidades de Montes e a dinamización turística deste concello ourensán”.

Este ano grazas a esta liña de actuación, un total de 29 concellos da provincia de Ourense son adxudicatarios destas axudas.