O presidente da Deputación e José Rodríguez falaron de proxectos de cooperación internacional como o que actualmente desenvolve a institución provincial en Manila, coa recuperación do casco histórico da capital filipina.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu este martes 7 de abril no Pazo Provincial ao director da Academia Filipina da Lingua Española, o ourensán de San Xoán de Río, José Rodríguez Rodríguez, con que falou de proxectos culturais e de cooperación internacional, como o que actualmente está a desenvolver a institución provincial en Manila, colaborando na recuperación do casco histórico da capital filipina por medio da arquitecta Eva Reza. Para este proxecto, explicou Manuel Baltar, a Deputación de Ourense foi elixida pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) para participar na recuperación de «Intramuros», a cidade amurallada máis antiga de Manila, construída polos españois no século XVI e que constitúe o distrito máis antigo da cidade.

O presidente do goberno provincial cualificou a José Rodríguez como “un ourensán universal que alí onde desenvolve a súa actividade profesional, ben sexa no ámbito do xornalismo, da cultura o no desempeño de tarefas institucionais sempre ten presente as súas orixes”. “É unha excelente mostra de Ourensanía no mundo”, subliñou Manuel Baltar, quen convidou a José Rodríguez asinar no Libro de Honra da Deputación de Ourense.

Dentro da ampla traxectoria profesional de José Rodríguez, xornalista e escritor, foi fundador e director do semanario español “Manila Chronicle”, e foi o primeiro xornalista europeo nomeado presidente da Press Club Manila. Ten ademais unha extensa bibliografía e na actualidade está a preparar a colección Clásicos da Literatura Hispano-Filipina.