Jesús Vázquez presenta o seu programa

O candidato Jesús Vázquez presentou os dez eixos que definen o programa electoral dos populares.

“Ourense comprometido e solidario; amable, accesible e sostible; seguro e comunicado; emprendedor e dinámico; cercano, responsable e participativo; dinamizador e cultural; activo e saudable; xove; verde e termal; e Ourense n omundo”, son as dez liñas do programa co que o Partido Popular se presenta para alcanzar a alcaldía da capital ourensá.

Un programa “ambicioso” no que a xeración de emprego será un “vector transversal”, segundo o explicou o candidato a alcalde, Jesús Vázquez, quen tamén dixo que é froito das máis de 300 reunións con todo tipo de colectivos e das propostas que os veciños fixeron chegar vía e-mail e whatsapp.

Nel, Vázquez preséntase para “dar un novo rumbo a Ourense”, compromete o seu traballo “con proximidade e humildade”, e ofrece “diálogo, experiencia, xestión, honestidade” e a súa “dispoñibilidade absoluta”. De chegar a alcalde, plantexa realizar unha auditoría no consistorio ourensán; “é necesario que a cidadanía coñeza a situación”, xustificou. Con respecto ao persoal do Concello, Vázquez non é partidario de suprimir o que para outros partidos son “privilexios” dos traballadores municipais. “Temos que deixar de criticar aos encargados de que esta cidade funcione”, dixo.

Propostas
O programa, que se pode consultar na web dos populares, inclúe, entre outras medidas, a creación dun plan de fomento da natalidade, a supresión de barreiras arquitectónicas, o estudo da peonalización total ou parcial de áreas como Oira, o entorno das Burgas e Praza de Abastos ou o Campus, ou a solicitude dunha Área de Rehabilitación para Covadonga.

O PP tamén propón reducir a presión fiscal, o persoal de confianza, os gastos de protocolo e as asignacións a grupos políticos. Farase “de maneira significativa, non van ser medidas de maquillaxe”, defendeu Jesús Vázquez.

A posta en marcha do transporte metropolitano, a aprobación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal optando na súa formulación “pola máxima transparencia e participación dos cidadáns e axentes sociais” e “coa seguridade xurídica necesaria para favorecer as inversións”, e o desenvolvemento dun Plan de Emprego local son outras das ideas que levarán a cabo os populares se gobernan.

O PP tamén promete a apertura inmediata da Casa da Mocidade, a negociación con outras administracións para retomar o Centro de Interpretación de Parques Naturais de Eirasvedras, o potenciamento do xardín botánico de Montealegre, e a construción dun hotel-balneario na cidade.