O sindicato oponse a calquera cobro de taxas que implique un repago dun servizo sufragado polos impostos achegados pola cidadanía.

Jorge Suárez, coordinador do Sector de Xustiza de CCOO de Galicia, Pedro Leónides, secretario xeral do sindicato comarcal da FSC de Ourense, e Sonia Rodríguez, delegada de CCOO no sector de Xustiza en Ourense, presentaron en rolda de prensa a Iniciativa Lexislativa Popular que están a levar a cabo en todo o Estado.

CCOO impulsa esta iniciativa na provincia con mesas na rúa, con contacto co tecido social e asociacións de veciños e con todos os operadores xurídicos (avogados, procuradores, funerarias…) xa que non considera a defensa do Rexistro Civil como algo corporativo, senón como a defensa dun Servizo Público que afecta a toda a cidadanía.

Nunha semana, dende que se iniciou a campaña, lévanse recollidas máis de 1.000 sinaturas, “demostrándose que a cidadanía está plenamente concienciada de que esta privatización é unha estafa”, denuncian.

CCOO continuará os contactos institucionais, nos concellos, deputacións e o Parlamento, para frear esta reforma, e participará na mobilización prevista para este sábado 11 de abril en Madrid, xunto co resto de organizacións sindicais e traballadores públicos, e impulsará mobilizacións en Galicia.

Así mesmo, destacan que “esta reforma é unilateral, promovida polo Partido Popular de Madrid, xa que mesmo en Ourense, a Deputación Provincial, presidida polo PP, ven de aprobar unha moción en defensa do Rexistro Civil”, lembran.

Consecuencias para Ourense
As consecuencias para Ourense da entrega do Rexistro Civil aos Rexistradores Mercantís supoñen a erradicación dos 92 Rexistros Civís que existen na actualidade, que quedarán reducidos a un, centralizado na capital de provincia, “con consecuencias nefastas para a poboación, dado o envellecemento, as dificultades orográficas e o déficit notorio no transporte público, o que pode supor que trámites tan habituais como unha fe de vida ou un certificado de nacemento, teñan, ademais do arancel que o Rexistrador impoña un coste agravado de desprazamento ou gastos en xestorías privadas”, reclaman.

Dende o sindicato confían en que a presión social “vai ser quen de parar esta reforma de corte neoliberal, acadando as sinaturas requiridas antes da data de defunción do rexistro civil como servizo público, o 14 de xullo de 2015”, finalizan.