Será o xoves 9 de abril, ás 11 horas, diante da Casa de Chocolate.

O Comité de Empresa da Xefatura Territorial de Traballo e Benestar de Ourense leva dende setembro concentrándose ás portas do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia contra a privatización da xestión da ampliación da Residencia de Maiores de O Cornuval no Carballiño, que foi construída con diñeiro público para ser xestionada directamente pola propia Xunta e con persoal propio.

A pesar de que a licitación xa foi publicada no DOG en novembro de 2014 para a posta en funcionamento o 1 de xaneiro do 2015, a data de hoxe segue sen prestar servizo.

Durante o mes de marzo o Comité de Empresa da Xefatura Territorial de Traballo e Benestar de Ourense recolleu preto de 1000 sinaturas en contra da privatización dos servizos públicos e os recortes en servizos sociais que fixo a Xunta de Galicia. Para elo colocáronse mesas nas rúas do Paseo e Sáez Díez, nas que tanto os usuarios como a cidadanía en xeral acolleron a iniciativa e colaboraron coa súa sinatura, manifestando deste xeito o total rexeitamento a este tipo de políticas antisociais.

Este Comité de Empresa denuncia que “estes continuos anos de crise provocan o deterioro do servizo asistencial e a implantación dunha nova política social na que a planificación da atención se orienta unicamente a recortar e reducir, co conseguinte deterioro da atención directa e a merma do benestar dos usuarios”.

Por iso, piden ao persoal da Xunta de Galicia e á sociedade ourensá que se sumen á concentración deste xoves 9 de abril, ás 11 horas, diante da Casa de Chocolate.