A situación e potencialidades do patrimonio de Ourense centrou un novo acto sectorial organizado polo PP de Ourense de cara á elaboración dun novo modelo de cidade.

O ciclo de actos sectoriais cos axentes sociais, culturais e económicos da cidade, organizado polo Partido Popular de Ourense, continúa co obxectivo de recabar todas aquelas ideas, suxerencias e demandas que lle transmita a sociedade ourensá ao candidato do PP á Alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, de cara á elaboración dun novo modelo de cidade.

No encontro deste 7 de abril, estivo presente o candidato popular á Alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez; acompañado pola parlamentaria autonómica Marta Rodríguez-Vispo.

Jesús Vázquez, tras unha breve presentación, cedeulle o protagonismo do acto a todos os asistentes, co fin de coñecer de primeira man as peticións dos responsables dos organismos presentes. «Ourense é a terceira cidade de Galicia en número de habitantes, capital dunha Galicia interior riquísima en canto a patrimonio histórico e natural, eixos da forma máis nobre do rico turismo cultural contemporáneo. Patrimonio non é turismo, pero é base importante de sustentación da riqueza producida polo mesmo, polo qué algo fundamental que desexo defender no meu modelo de cidade», recalcou Jesús Vázquez.

Na reunión púxose de manifesto que a cidade de Ourense ten valores en si, e valores como posible centro dinamizador do rico tecido patrimonial provincial. E como dinamizador de iniciativas culturais, como foi noutrora coas vangardas de La Centuria e da Xeración Nós. Por exemplo, algúns dos asistentes ao acto sectorial propuxeron que Ourense ten que ser a capital dos Entroidos da provincia, do mesmo xeito que o ten que ser dos viños das catro denominacións, e capital e centro de inciativas culturais e turísticas temáticas (ourense castrexo, romano, prerrománico, románico…). “Ningunha área xeográfica nin ningunha etapa histórica pode atraer per se visitantes de forma masiva. Si a combinación delas”, recalcaron.

Tamén coincidiron os participantes no encontro en que Ourense como cidade ten grande riqueza monumental, artistica e histórica, pouco explorada e pouco explotada, ou sexa pouco rendibilizada.

En xeral, todos coincidiron na existencia de moita riqueza monumental e patrimonial, pero unha grande febleza do sistema de institucións, Arquivos, Bibliotecas e Museos, correspondendo especialmente a este últimos, por esencia, a relación principal co público.

O Concello tense dotado de varios meritorios e dinámicos espazos expositivos temporais chamados Museo Municipal, Centro José Angel Valente… que se solapan e sen pensar na concreción dun museo de cidade ou de arte, aspectos que vén cubrindo, cos seus problemas, o Museo Arqueolóxico e de Belas Artes Provincial de Ourense. Todos os asistentes manifestaron o seu desexo de que comence a saír do desatasque e se poida arranxar o tema do Museo Arqueolóxico, recalcando tamén a conveniencia dun Padroado de Turismo –cultura e patrimonio- de Ourense, liderado polo Concello.

En definitiva, os asistentes concluiron que “Ourense ten moito patrimonio, moitos axentes, moitas sensibilidades, que debemos organizar e coordinar para remar xuntos, en favor da cidade desde a administración máis próxima e dinámica”.