Actuarase en varios treitos das estradas OU-301 e OU-304, no Concello de Xinzo, e na estrada Ourense – Fronteira Portuguesa (OU-540).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), as obras de reparación do firme de tres estradas da rede viaria autonómica do sur da provincia de Ourense, que contan un orzamento de case 660.000 euros.

Con esta actuación o Goberno autonómico mellorará o estado do firme para favorecer a comodidade dos usuarios e a protección, tanto de vehículos e peóns, da estrada que comunica Ourense coa fronteira portuguesa (OU-540) e de dúas estradas situadas no entorno de Xinzo de Limia: OU-301 (Xinzo – Bande) e OU-304 (Xinzo – Baltar).

As obras consistirán na rehabilitación da plataforma existente en treitos localizados, por medio da substitución da capa de rodadura, previo fresado do firme actual. Os traballos completaranse coa reposición da sinalización horizontal e melloras na sinalización vertical e o balizamento. Ademais da execución de gabias de seguridade en zonas puntuais.

Tramos de actuación
A primeira das actuacións desenvolverase na OU-301 que une Xinzo e Bande, do quilómetro 0 ao 7, entre Xinzo e Ganade.
A segunda, realizarase na OU-304, entre Xinzo e Baltar, entre o quilómetro 1 á saída da capital da Limia e o 2 en Damil.
E a terceira, na OU-540, que une Ourense coa fronteira portuguesa, do quilómetro 4+480 en Barbadás e o 67 en Lobios.

Cómpre salientar que este proxecto complementa as actuacións de reforzo xa executadas polo departamento de Infraestruturas en 2013 e 2014 en varios treitos das estradas OU-301 e OU-304, nas que se aportaron máis de 200.000 euros, tamén os realizados na OU-540, vía na que se levan investido máis de 650.000 euros desde a posta en servizo da autovía de Celanova.

As obras terán unha duración de 4 meses e proporcionarán unha rede máis cómoda e segura en beneficio dos preto de 45.000 habitantes dos concellos de Xinzo, Barbadás, A Merca, Cartelle, Celanova, Verea, Bande, San Cibrao das Viñas, Lobeira, Muíños, Lobios e Entrimo.