Terán lugar do 13 ao 24 de abril nas cabeceiras dos Partidos Xudiciais de Ourense, e estarán convocadas pola Coordinadora de Plataformas en Defensa dos Partidos Xudiciais Comarcais e da Plataforma en Defensa do Carácter Público do Rexistro Civil, que se veñen de reunir para unir forzas.

 

A Coordinadora de Plataformas en Defensa dos Partidos Xudiciais Comarcais e da Plataforma en Defensa do Carácter Público do Rexistro Civil reuníronse este 7 de abril, na Sede do Colexio de Avogados de Ourense, para compartir as súas posturas.
Nesta xuntanza, ambas entidades acordaron cooperar e coordinarse naquelas actividades que se poidan organizar, en defensa do carácter público dos Rexistros Civís, por ambas entidades.

Así mesmo, convocarán, entre o 13 e 24 de abril, asamblesas cidadás nas cabeceiras dos Partidos Xudiciais de Ourense, ás que estarán convidados os rexedores municipais correspondentes e, por suposto, todos os veciños da zona.

Con estas asambleas búscase explicar as consecuencias para as comarcas e concellos da centralización, no Rexistro Mercantil de Ourense, dos 92 rexistros civís que actualmente operan nas comarcas de Ourense; e solicitar pronunciamentos públicos das corporacións municipais dos Concellos de cada Partido Xudicial contra a supresión dos Rexistros Civís, instando ao Goberno Central a retirar a normativa prevista para o mes de xullo.

Por último, na reunión entre a a Coordenadora e a Plataforma en Defensa do Rexistro Civil tamén se decidiu convocar unha nova xuntanza entre representantes de ambas, unha vez rematada a rolda de asembleas comarcais, para avaliar o resultados das mesmas e decidir sobre a conveniencia de organizar unha manifestación en Ourense a primeiros de maio.