BNG sobre vivenda

Os nacionalistas presentan unha moción ao pleno deste venres para que se incentiven alugueiros sociais para os afectados por desafiuzamentos.

Fronte a un inmoble en ruínas que fora adquirido pola Xunta en 2009 para rehabilítalo e destinalo a vivenda social, a concelleira Ximena González e a candidata Noa Presas presentaron a moción que as nacionalistas levarán ao pleno deste venres para demandar do Concello un Plan Municipal de Vivenda Social.

A proposta do BNG recolle unha idea que este partido xa está a levar a cabo en Carballo: “negociar coas propietarias das vivendas baleiras para que o concellos se faga cargo desas vivendas durante dous anos, dos arranxos que se teñan que facer, e asumindo os gastos da luz e do gas, esas vivendas se poñan a un aluguer baxo, 100, 150 euros durante eses dous anos, despois se lles devolven aos propietarios por se queren seguir manténdoas en aluguer”, explicaba Ximena González. Deste xeito, recalca a edil, conseguiríase un triple obxectivo: que deixe de haber vivendas baleiras (nunha cidade na que estiman que hai nesta situación unhas 14.000), que haxa vivendas con alugueres baixos e que o Concello “sexa un axente proactivo para a solución do problema habitacional que hai na cidade”.

A política nacionalista foi moi crítica cos gobernos tanto da Xunta como do propio Concello nesta materia. “Non teñen vontade de axudar a ninguén”, dixo. E puxo o exemplo da Comisión contra os desafiuzamenos creada no Concello de Ourense hai dous anos a instancias do Bloque: “traballouse, os propietarios puxeron a disposición unha bolsa de vivendas e o PSOE foi incapaz de xestionar todas esas propostas dos axentes sociais e incapaz de liderar para que funcionara; o PSOE nin sequera sabe como está funcionando a oficina de intermediación hipotecaria”, recalcou.

Nese sentido, a súa compañeira de formación, Noa Presas, preguntouse polas políticas de vivenda para familias desafiuzadas do Goberno galego. “Non sabemos nada das 500 vivendas que Feijoo prometeu en decembro de 2012 para paliar a situación”, expuxo. As últimas vivendas de protección construídas pola Xunta na cidade, as de Covadonga, están aínda sen entregar aos seus adxudicatarios por problemas de urbanización, cando xa levan un ano rematadas.