O delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, asistiu a unha charla que se impartiu na Residencia Nosa Señora dos Milagres.

A Residencia Nosa Señora dos Milagres, emprazada na parroquia de Cabeza de Vaca do concello ourensán de Barbadás, acolleu este 8 de abril a actividade “A saúde bucodental non é cuestión de idade” que o último trimestre do pasado ano se desenvolvera nos 11 centros sociocomunitarios ourensáns e que agora se amplía ás residencias de maiores da provincia, co fin de fomentar hábitos de hixiene bucodental entre as persoas maiores.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acompañado pola xefa territorial da Consellería de Sanidade, María Villar ,e polo xefe territorial da Consellería de Traballo e Benestar, José Selas, acudiu a este centro residencial de maiores de titularidade e xestión propia de Traballo e Benestar e animou aos seus usuarios a levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á saúde bucodental, que repercutan nunha maior calidade de vida.

A actividade consiste na realización dunhas charlas formativas, coas que os maiores aumentarán os seus coñecementos e habilidades relacionadas coa saúde bucodental na vida diaria e coa adquisición de hábitos de hixiene. Ademais, tamén se pretende formar aos traballadores das residencias encargados de atendelos.

Os últimos datos sobre saúde oral en España sinalan que o índice de caries dental nos maiores de 65 anos duplica á da poboación adulta e que máis do 90% presenta enfermidade periodontal. Unha saúde bucodental deficiente inflúe na aparición de determinadas enfermidades sistémicas, no benestar xeral das persoas, na súa capacidade de comer e de falar, e mesmo pode afectar a saúde mental e as relacións sociais.

Prevese que ata finais de ano a campaña percorra máis de 15 residencias de maiores, de titularidade pública e privada.