O cluster multisectorial terá un espazo reservado nos eventos organizados polo recinto feiral que promocionará entre os seus usuarios e contactos profesionais.

Expourense vén de asinar un convenio de colaboración co Polígono Virtual de Galicia, un clúster multisectorial que comparte co recinto feiral o obxectivo de, a través da organización de eventos profesionais, servir de axente dinamizador da actividade empresarial en Galicia, prestando especial atención á provincia de Ourense.

A sinatura deste convenio correu a cargo do director xerente de Expourense, Alejandro Rubín, e do presidente do polígono, Xosé González, que estiveron acompañados pola directora adxunta de Expourense, Emma González, e o director financiero do polígono, José Luis Carballo.

Beneficios do convenio
Entre os puntos que contempla este convenio destaca o feito de que o Polígono Virtual de Galicia poderá contar cun espazo reservado en todas as feiras e eventos programados no calendario feiral de Expourense para promocionar as distintas accións que están a promover e tamén para presentar os servizos que ofrecen ás empresas que decidan integrarse nesta entidade e que inclúen dende asesoramento nas áreas de marketing, imaxe corporativa, internacionalización, competitividade, formación e novas tecnoloxías ata asesoramento fiscal, xurídico e económico. Ademais, o polígono integrarase activamente nos comités asesores das ferias de Expourense, de xeito que poderán estar presentes na organización dos certames, achegar puntos de vista e contribuír na difusión do evento.

Pola súa parte, o Polígono Virtual de Galicia promoverá entre os seus usuarios os eventos organizados por Expourense, animándoos a participar de xeito activo neles, como expositores ou visitantes.

Feigatech
O Polígono Virtual de Galicia atópase nestes momentos inmerso na organización do proxecto “Feigatech”, unha feira especializada no sector tecnolóxico que se podería celebrar nos vindeiros meses e que estará orientada á presentación de proxectos universitarios e de I+D+I, e tamén á creación de “clústers” en territorios potencialmente favorables para as empresas galegas.