Está dirixido a menores de 30 anos e repartirá premios por un importe total de 7.000 euros.

 

O Boletín Oficial da Provincia publicou o 9 de abril a convocatoria da XIII edición do Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense para creadores menores de trinta (30) anos e que ten unha dotación económica de 7.000 euros. A convocatoria permite presentar traballos ate o día 31 de maio en temática libre e admitindo as modalidades de pintura, escultura, gravado, video, arte dixital, instalacións e calquera outro tipo de expresión artística.

As bases establecen un primeiro premio de 3.000 euros, un segundo de 2.000 euros, un terceiro de 1.000 euros e dous accésits de 500 euros para cada un deles. Ademais dos premios económicos, este certame realizará unha exposición no mes de setembro e a edición dunha publicación na que se incluirá unha selección dos mellores traballos presentados.

Esta iniciativa foi unha das primeiras que puxo en marcha a Deputación coa apertura do seu Centro Cultural “Marcos Valcárcel”. Os traballos presentados serán avaliados a primeiros de xuño por un xurado exclusivamente profesional, integrado por directores de museos, críticos de arte, comisarios de exposicións, artistas e representantes de facultades de Belas Artes.