Acto presentación candidatura PP

O candidato do PP á alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez Abad, presentou este luns no Auditorio aos 27 membros que conforman a candidatura que el lidera de cara ás Eleccións Municipais do 24 de maio.

Cun Auditorio repleto, o acto comezou coa intervención do voceiro municipal, Rosendo Fernández, a quen seguiu o presidente provincial, Manuel Baltar, e o presidente autonómico do PP, Alberto Núñez Feijóo, para pechar os discursos o candidato á alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez.

Renovación

Para o candidato popular, a lista destaca pola súa renovación e o marcado perfil de xestores dos seus integrantes. «As persoas que me acompañan atesouran formación, preparación, ilusión por afrontar este proxecto e unha enorme capacidade de entrega». A candidatura, en palabras do cabeza de lista, Jesús Vázquez, está formada «por un equipo de persoas preparadas para gobernar, ilusionadas e cunha total capacidade de entrega para dar o mellor de sí en favor do Ourense que todos queremos».

Dos 11 actuais concelleiros populares na corporación ourensá, tan só repiten dous: o empresario Pepe Araujo, no posto número 5, e a pedagoga Belén Iglesias, no posto noveno. Son caras novas a número dous, a xerente da Fundación Coren, Sofía Godoy; o número tres, o actual director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González; e a número 4, a avogada Ana María Fernández Morenza. No número seis da lista popular incorpórase a avogada Isabel María Castelo, e no número sete sitúase o actual coordinador do grupo municipal popular, Jorge Pumar; no oito o actual xefe territorial de Deportes da Xunta e ex concelleiro de Deportes, Mario Guede. O avogado e asesor da Deputación José Jesús Cudeiro é o número 10 da candidatura do PP, mentres que a avogada Flora Moure sitúase no posto 11, e a funcionaria municipal xubilada Amalia Belmonte no 12. O ex concelleiro e enfermeiro Francisco Carlos Campos ocupa o posto número 13, mentres que o 14- o que dá a maioría absoluta na corporación ourensá- é para Roberto Bermúdez, técnico de laboratorio.

Miguel Prado, Stela González, Modesto González, Mónica Abellás, Manuel Ángel Conde, Marisol Díaz Mouteira, María Felisa González, Antonio Fernández, Elva Álvarez, Ramón Antonio de Oliveira, María del Carmen Prada, Érika Cid e Manuel Mosquera completan a lista, sendo María Isabel Rodríguez e Noelia Pérez as suplentes.

O obxectivo deste equipo, tal e como conclúe Jesús Vázquez Abad, é «devolver a normalidade ao Concello de Ourense, a través do diálogo con todos os veciños, asi como o consenso entre todos, e traballar dende o minuto un a prol de acadar melloras na cidade en beneficio de todos os veciños e veciñas de Ourense. Queremos que a cidade recupere o esplendor e que os ourensáns se sintan orgullosos e ben representados nos xestores públicos que defenderán por riba de todo os intereses xerais de Ourense».