164 persoas participaron esta fin de semana nun proceso de elección no que era necesario ter asinado o manifesto fundacional e demostrar documentalmente relación directa co Concello de Ourense.

A plataforma cidadá Ourense en Común pechará este luns en asemblea a lista electoral definitiva coa que presentarse ás eleccións municipais de maio. Trala anulación das súas primarias e a retirada do apoio de varios partidos políticos (Podemos, Compromiso por Galicia, Iniciativa por Ourense e Anova), a denominada «marea ourensá» concorrerá aos comicios cunha lista que encabezará o dirixente veciñal Miguel Doval.

Doval foi o preferido para liderar Ourense en Común entre as 164 persoas que votaron nun proceso no que só podían participar aquelas persoas das 1.666 que asinaron no seu día o manifesto fundacional deste movemento cidadá que demostrasen vinculación con Ourense.

Acompañan a Doval nos oito primeiros postos da lista Ledicia Piñeiro, Martiño Xosé Vázquez, Montse Valencia, Carlos Miguélez, Mavi Calviño, Javier Octavio de Toledo, Montse Malvar e Emilio R. Tilve, nomes que foran previamente consensuados en asemblea. O resto decidiranse nunha nova asemblea este luns.