Concerto reivindicativo fronte á Casa da Mocidade

Cun concerto reivindicativo, coa participación do grupo musical Malheira, o BNG denunciou a «incapacidade do goberno socialista» para abrir a Casa da Mocidade – Espazo Lusquiños.

O BNG que pregunta pola apertura da Casa da Mocidade en todos os plenos celebrados no Concello de Ourense dende a súa saída no goberno a finais de 2012, quixo realizar esta fin de semana unha actividade musical simbólica ás portas dos catro locais de ensaio listos para usar e que acumulan pó no interior da instalación.

As obras remataron hai xatres  anos cun investimento de 670.000 euros e daquela o BNG, como responsábel da área de Xuventude, concebira este espazo como «un lugar de encontro, lecer e formación para que as mozas e mozos da cidade contaran con alternativas de ocio».

En xuño do 2013 aprobouse en pleno o regulamento que obrigou a abrir o prazo para que os grupos solicitaran o uso dos locais de ensaio na súa primeira quenda. Varios grupos fixeron as inscricións pero a falla de persoal impide abrir as instalacións e a Casa da Mocidade segue pechada, sen que o goberno da cidade lle dea solución a curto ou medio prazo.

Para o BNG a solución pasa pola reorganización da Relación de Postos de Traballo que permita adscribir persoal a estas instalacións municipais, proposta que xa lle trasladaron ao alcalde propondo que se convocase un concurso de traslados ou adscripción de persoal que solicita “segunda actividade”. En ningún caso, os nacionalistas apoiarán a privatización do servizo.

De chegar a gobernar no próxiimo mandato, os nacionalistas prometen como unha das súas primeiras medidas a apertura deste espazo para a mocidade no barrio da Ponte.