Con esta medida a Xerencia de Xestión Integrada quere garantir a continuidade na atención aos usuarios ao tempo que alivia a carga asistencial dos seus profesionais.

A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras anunciou que o centro de saúde de Pereiro de Aguiar contará proximamente cun novo médico de atención primaria que permitirá unha importante mellora na continuidade na súa atención.

Proximamente o centro contará cunha dotación total de tres facultativos, dúas enfermeiras e un persoal de servizos xerais (PSX) para dar resposta a unha demanda sanitaria da poboación do concello de Pereiro de Aguiar que na actualidade conta cun total de 3.456 tarxetas sanitarias asignadas, e que nos últimos anos experimentou un constante incremento na súa poboación xa que no ano 2006 este mesmo centro de saúde daba atención a uns 3.000 usuarios.

A incorporación deste novo médico permitirá aliviar a carga asistencial dos profesionais cun ratio axeitado atendendo aos estándares internacionais establecidos de número de pacientes por profesional. Esta reordenación na atención levará aparellada tamén un reforzo na carteira de servizos do centro de saúde xa que permitirá aos profesionais desenvolver os programas preventivos e de educación sanitaria destinados a poboación.

Programa da Muller e Cirurxía Menor
A incorporación deste profesional permitirá, ademais de continuar cos programas sanitarios habituais do centro de saúde, desenvolver de xeito integral o programa centrado na atención integral á muller, que inclúe o asesoramento e a atención polos profesionais do centro de saúde a planificación familiar, a revisión xinecolóxica básica, o diagnóstico precoz do cancro xinecolóxico e os programas de embarazo ou menopausia.

Tamén se reforzará o programa de mellora na atención a pacientes crónicos e pluripatolóxicos cara a mellorar a calidade e a súa seguridade asistencial .

Asemade incorporarase á carteira de servizos a Cirurxía Menor e continuarase coa estratexia galega de atención primaria do paciente crónico a través do programa integrado de coidados paliativos para a atención destes pacientes que presentan enfermidades crónicas avanzadas e progresivas, o programa de diagnóstico e tratamento da enfermidade da EPOC e o programa de seguimento do paciente diabético.