Caravana Os Bolechas

A caravana percorrerá nove localidades con xogos, talleres e actividades, para dar a coñecer a provincia de Ourense entre os máis novos.

 

Os Bolechas iniciaron este sábado a súa xira pola provincia de Ourense. A popular familia percorrerá nove vilas ourensás coa súa Caravana, na que non faltarán o vistoso R4 e o espectacular autobús de dous pisos cheo de xogos e actividades para toda a familia: talleres de debuxo e chapas, karaoke, ludoteca, aula de informática, xogos interactivos karaoke, animación e ata cine. Esta iniciativa de dinamización infantil, promovida pola Deputación de Ourense, pretende dar a coñecer entre os máis novos a riqueza natural, patrimonial e cultural que ofrece a súa provincia.

Ademais, poderán participar nos sorteos que terán lugar diariamente ao rematar a xornada en cada localidade e levar fantásticos agasallos dos Bolechas, desde libros-CD ata cursos de inglés dos Bolechas One2Three. E, por suposto, non faltarán os Bolechas corpóreos, que visitarán todas as vilas de 17:00 a 20:00 horas, malia que a Caravana Bolechas chegará ás vilas ás 12:30 h e estará aberta ata as 20:30 h –cunha parada entre as 14:30 e 16:30 h–.

Calendario da xira

Tras pasar polo Barco de Valdeorras; a Caravana e a Pobra de Trives, este luns 13 Os Bolechas chegan á praza García Barbón de Verín, o martes 14 estarán na praza Carlos Casares de Xinzo de Limia e o mércores 15 na praza da Constitución de Bande. O xoves 16 a Caravana Bolechas recalará en Celanova, o venres 17 na praza Maior de Ourense, o sábado 18 no Carballiño –tamén na praza Maior–, e o domingo 19 de abril remata a xira en Ribadavia.

En todas as comarcas, as nenas e nenos que se acheguen á caravana Bolechas levarán gratis o conto «Os Bolechas van a Ourense» e poderán gozar de multitude de propostas totalmente gratuítas, desde obradoiros de debuxo ata ludoteca con xogos para divertirse e aprender cos Bolechas, así como material para manualidades, libros e ordenadores onde acceder a xogos e actividades. Tamén estará dispoñible o karaoke e a sala de cine do autobús, dotada con todo o necesario para ver Os Bolechas.