Jesús Vázquez

O candidato popular celebra o impulso da Xunta ante o Ministerio de Educación do proxecto de grao superior, xa iniciada a fase de informes técnicos.

O ciclo superior de FP en Termalismo está cada día máis preto de ser unha realidade. Despois de que o borrador do currículo do ciclo superior de FP en Termalismo xa fose analizado pola Comisión General de FP (no marco da Conferencia General de Educación), da que forman parte o Estado e as CCAA, o vindeiro día 21 será analizado polo Consejo General de FP. Despois deste trámite, terá que pasar polo Consejo Escolar del Estado e polo Consejo de Ministros, ademais de pasar os correspondentes informes. Se o Ministerio publicara no DOG o currículo antes de que Galicia publique a oferta de FP (en xuño) podería valorarse a posibilidade de ofertar este ciclo o curso que vén.

Así pois, coa posibilidade real de que o grao superior de FP de Termalismo esté cada vez máis preto, o candidato popular á Alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, anuncia que solicitará que a implantación desta innovadora titulación se implante na cidade das Burgas. «Ningunha outra cidade reúne as características idóneas para albergar unha titulación desta natureza. Se queremos construir unha verdadeira Capital Termal, debemos comezar por asentar ben a oferta que imos presentar a mundo. Unha titulación específica en Termalismo para formar aos profesionais do futuro é un paso fundamental para Ourense».

O candidato do PP á Alcaldía de Ourense vai un paso máis alá e avanza que buscará a implicación activa de Balnearios de Galicia, co fin de consolidar a esta futura titulación nun referente a nivel nacional. «Trátase dun ciclo idóneo para implantalo na modalidade de FP Dual. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería de Cultura e Educación xa estableceu unha colaboración no seu momento en materia de FP con Balnearios, que podería agora ampliarse para o desenvolvemento deste novo ciclo de FP». De feito, o empeño persoal en crear ensinanzas específicas de FP no eido do hidrotermalismo foi unha constante de Jesús Vázquez na súa anterior responsabilidade política, á fronte da Consellería de Educación.