Candidatura Anova

A formación nacionalista preséntase como “o voto crítico” e “contraposición ideolóxica” ao PP.

 

Anova Ourense será unha máis das opcións ás que votar o vindeiro 24 de maio nas eleccións municipais ao Concello de Ourense. A formación de esquerda rupturista nacionalista acordou presentar lista, trala súa saída de Ourense en Común, ao considerar “que esta cidade necesitaba unha alternativa para poñer fin a este réxime que nos está gobernando”, explicaba Daniel Conde, número tres dunha candidatura que lidera Aurelio (Lito) Prado.

Dentro da pluridade de candidaturas que optan a gobernar a capital ourensá, Anova vese a si mesma como o “voto crítico” e como “contraposición ideolóxica” ao PP. De feito, Prado considera que “sería perigoso para o Concello que volvera o PP a gobernar “. De xeito irónico e crítico, o candidato de Anova referíase ao candidato popular como “Jesús-o meu modelo urbanístico é o de Cabezas-Vázquez” e acusouno de rodearse “dunha persoa que afundiu o Concello de Ourense nunha inseguridade xurídica importante coa anulación do PXOM”, en referencia ao ex alcalde.

En canto ás súas propostas, Anova preséntase para “sumar cidadanía” para conseguir emprego para todos, para facer unha cidade habitable, para acadar igualdade entre homes e mulleres, e para conseguir un goberno “decente e transparente”.

Unha candidatura de “xente valente”

A Prado acompáñano na lista como número dous Tania Bouzo, o xa citado Daniel Conde, e Millán Brea, Adelina Rodríguez, María del Sol Pérez, Carlos Vázquez, María Eva Guitérrez, Ramón Coira, Lorena Blanco, Alexo Fernández, Carolina Castro, Francisco Bienvenido Román, Rosa María Fernández, Alfonso Diz, Xosé Bouzo, María Xosé Conde, Pablo Manzando, Margarida Costas, Andrés Xesús Fernández, Eva González, Juan Fernando Honra, Cristina Barca, Daniel Cuesta, Jorge Melero de la Calle, Sabela Bóveda e Manuel Gallardo Canitró; sendo suplentes Antonio Pereiras, Angel Fernández, e Purificación del Salvador González.

Son, en palabras de Tania Bouzo, unha candidatura composta “por xente valente, do común, que decide dar un paso cara adiante para conseguir transformar políticamente o noso concello” e que representa tanto xeracional como profesionalmente á sociedade ourensá.

Saída de Ourense en Común
Con respecto á súa marcha do espazo de confluencia que pretendía ser Ourense en Común, Lito Prado é optimista sobre un futuro ‘reencontro’ e cre que pode haber “máis oportunidades cara ao futuro; nós seguiremos tendendo pontes”, dixo, “porque tampouco nos separan tantas cousas”.

Anova anuncia que presentará nos próximos días o seu programa “participativo” no que levan traballando desde outubro pasado.