Jesús Vázquez en precampaña

O candidato do PP entende que debe trasladarse a unha zona industrial antes do ano 2017.

 

O candidato do Partido Popular á alcaldía de Ourense, Jesús Vázquez, propón como medida urxente o traslado do actual matadoiro municipal para alonxalo do entorno termal da Chavasqueira ao considerar que “é unha infraestructura incompatible co uso termal e de ocio desa zona da cidade”.

Vázquez, que xa trasladou esta proposta á directiva da Asociación de Veciños da Chavasqueira e que está incluída no programa electoral do Partido Popular, explicou que os actuais xestores “teñen unha concesión que remata no ano 2017, polo que ese é o prazo de tempo que temos para atopar un lugar alternativo, que entendo debe estar nunha zona de carácter industrial e non nun entorno coma o actual”.

O alcaldable popular considera imprescindible esta medida para poder desenvolver as posibilidades termais deste entorno e apostou por buscar novas ofertas de ocio e saúde a desenvolver no espazo comprendido entre a Chavasqueira e o Tinteiro por existir terreos suficiente para acometelas e pola posibilidade de desenvolver proxectos que acaben integrando as diferentes ofertas termais deste barrio. “Xunto coas Burgas, o entorno da Chavasqueira e do Tinteiro teñen que ser os dous motores do termalismo en Ourense”, dixo.