Visita a O Rexo

Este martes o centro acolleu unha xornada de actividades na que participaron os mozos e mozas do programa Erasmus + “Mothern Shepherds”, organizado pola Fundación Ramón González Ferreiro en colaboración coa Asociación Cultural Sende.

Os 43 participantes, mozos e mozas de Rumania, Croacia, Italia, Grecia, Portugal e Galicia, están a compartir e intercambiar, dende o pasado día 18 e ata o 25 de abril, diversas experiencias, culturas e valores baixo unha metodoloxía de educación non formal.

Este martes recibiron unha charla sobre fauna e flora do entorno que impartiu a asociación ecoloxista ADEGA e logo tiveron a oportunidade de coñecer a Padela, unha ruta de sendeirismo.

O programa continuará en Allariz con máis actividades. O mércores serán recibidos no Concello e poderán, logo, percorrer as rúas do casco histórico máis o entorno do río Arnoia.

O venres participarán nun seminario formativo onde coñecerán múltiples iniciativas ligadas ao medio rural que teñen xurdido nestes últimos anos na Reserva da Biosfera da Área de Allariz, tales como Ecoleia (leite ecolóxico), Petelos (transformación de castaña), Carabuñas (marmeladas artesanais), Xeitura (Xestión integral do patrimonio cultural), Dama Alaricana (Cervexa artesanal), Mimá (producción de horta ecolóxica con tracción animal). O sábado visitarán o mercado da Reserva da Biosfera Área de Allariz que se celebra semanalmente na Praza de Abastos.

Convenio coa asociación ecoloxista ADEGA
Doutra banda, o Concello de Allariz, a Fundación Ramón González Ferreiro e a Asociación Ecoloxista ADEGA asinaron un convenio de colaboración para a custodia do terreo posto en valor coa actuación “Charcas con vida”, executada o ano pasado no Rexo.

Aproveitan esta visita para presentar estas actuacións aos socios das Asociacións Paitsatges Vius e Picampall, que colaboran en proxectos de custodia do territorio, e teñen sido xunto con ADEGA e outras tres asociacións españolas seleccionados para participar no programa «Tecendo Redes», da Xarxa de Custodia del Territori co respaldo económico da Obra Social da Fundación La Caixa.