Esixen recuperar o descanso semanal de 48 horas ininterrompido e as compensacións por domingos e festivos, entre outras melloras.

O persoal laboral dos centros dependentes da Consellería de Traballo e Benestar vén reclamando que se lles devolva o descanso semanal de 48 horas mínimo ininterrompido, así como as compensacións por domingos e festivos que viñan disfrutando ata a entrada da lei de medidas no 2012, ademais de denunciar publicamente os excesos de traballo, as condicións “penosas” nas que se atopan e as consecuencias que isto supón na atención directa aos usuarios dos centros.

Os traballadores seguen a mobilizarse para lograr estas melloras nas condicións laborais, así como a negociación do V Convenio Colectivo e a Relación de Postos de Traballo, como así o fixeron este 21 de abril.

“A conselleira Beatriz Mato enrocouse na aplicación extrema dos recorte, o que supón una dotación inadecuada de recursos materiais e de recursos humans, sobrecargando dunha maneira infrahumana ao traballador”, aseguran dende o sindicato CIG. Así mesmo, lémbranlle á responsable de Traballo na Xunta, que a semana pasada asegurou que se estaba a respetar a legalidade vixente neste asunto, que “ela foi quen modificou a legalidade xunto co seu equipo de goberno e que esta nova legalidade priva aos traballadores de todos os dereitos que tiñan conquerido”, recalcan.