Os socialistas queren que se esclareza “por que ‘casualmente’ todos os coches da flota da Deputación na comarca de Verín botan combustible na gasolineira de Luciano Rivera Cuquejo e non noutras”.

O grupo provincial do PSOE presentará no pleno de abril da Deputación de Ourense unha moción para crear unha comisión de investigación sobre o caso da estación de servizo de Luciano Rivero, que dimitiu a primeiros de mes ao coñecerse que conta cunha participación do 16% nunha empresa de gasóleos que subministrou máis de 150.000 euros en combustible entre 2010 e 2013 aos vehcíulos da Deputación.

Os socialistas queren saber por que “casualmente” os vehículos do ente provincial na comarca de Verín repostaban combustible na gasolineira do ex deputado popular “e non noutras e por que acontece o mesmo noutras zonas con estacións de servizo vinculadas a cargos do PP”.

Tamén reclaman que se faga público no prazo de dez días “a relación de empresas a nome ou con participacións doss deputados provinciais e se contratan ou contrataron coa Deputación ao longo desta lexislatura”, así como que se facilite toda a documentación necesaria á Fiscalía “para que esta investigue este caso e determine se o debe de poñer en coñecemento do xulgado correspondente”.

Os socialistas ven neste caso “posibles indicios de delitos” e por iso queren unha comisión de investigación que esclareza dúbidas como se “é legal ou cometeu algún delito Luciano Cuquejo ao facturar á Deputación?”, se “é legal que fixera o mesmo a súa irmá que é funcionaria desta Deputación e socia da estación de servizo?” ou se existe “un listado en intervención de empresas que non poidan manter relacións comerciais coa Deputación”.