Acto de Amigos da Terra

Amigos da Terra celebrou este 22 de abril o Día da Terra coa posta en marcha dun novo proxecto, de sensibilización sobre as consecuencias ambientais dos nosos hábitos de consumo.

O proxecto foi ideado e posto en marcha polas voluntarias europeas que están a desenvolver o seu traballo activista dende a sede da nosa organización en Ourense. Denominado «A Ruta do Consumismo», comezou este mércores súa andaina coa participación de alumnos de bacharelato do IES Ramón Otero Pedraio cun percorrido polas rúas do casco vello. Esta foi a primeira destas pequenas rutas que se desenvolverán nos próximos meses nas que participarán outros centros educativos e colectivos cidadás da nosa cidade.

As persoas participantes na ruta interpretativa de hoxe puideron coñecer, ao longo de diferentes paradas nas proximidades de diferentes establecementos comerciais, os problemas asociados a catro tipos de produtos de consumo moi habitual entre mozos e adolescentes: alimentos, roupa, cosméticos e equipos electrónicos.

Na parada destinada aos alimentos os alumnos coñeceron impactantes datos e puideron reflexionar sobre as relacións entre a produción de determinados alimentos e a deforestación que acontece noutros países a miles de quilómetros de distancia, así como sobre os residuos químicos (pesticidas e aboamentos) que permanecen na nosa comida sen que sexamos conscientes delo.

Respecto aos cosméticos tiveron ocasión de coñecer varios dos ingredientes sintéticos e químicos que absorbemos pola pel e os riscos que representan sobre a saúde, mentres que na parada en relación á roupa se explicou a longa viaxe que debe facer unha peza dende a súa confección ata as tendas onde a mercamos, e fíxose aflorar as terribles condicións do traballo e impactos ambientais que se suceden ao longo deste percorrido.

Para finalizar houbo ocasión de debater sobre a cara oculta do consumo dos equipos electrónicos, falando sobre os impactos que acarrea a súa fabricación e do desexo da súa rápida substitución ao que a publicidade nos empurra, ou tamén sobre a obsolescencia programada e a problemática da recuperación e reciclaxe de residuos electrónicos.

Con esta actividade preténdese concienciar os participantes sobre a necesidade de implicarse, a través da adquisición duns hábitos de consumo máis xustos e responsables, contribuíndo así á preservación dos recursos naturais e ao desenvolvemento dunha sociedade máis xusta, solidaria e respectuosa co medio.