Concurso de pinchos de primavera

50 locais participan, entre o 24 de abril e o 10 de maio, neste certame, onde o público poderá votar polos seus favoritos e levar premios, este ano tamén a través dunha app.

 

Dentro da múltiple oferta de ocio na cidade para esta fin de semana, a Concellería de Turismo do Concello de Ourense presentouunha das máis importantes pola súa tradición e participación do público: o concurso de pinchos Sabores de Ourense Primavera 2015.

A concelleira de Turismo, Mónica Vázquez, deu o pistoletazo de saída destas dúas semanas (do 24 de abril ao 10 de maio) nas que 50 locais da cidade ofrecerán as súas mellores propostas gastronómicas en pequeno formato. “A marca #saboresdeourense afiánzase como unha fortaleza turística xunto ás xa recoñecidas do termalismo, o patrimonio cultural e artístico das que nos sentimos plenamente orgullosos”,  resaltaba Vázquez. “Mantemos o número de participantes respecto a edicións anteriores, gañando adeptos para a causa, unha oferta máis que variada para o público ourensán e todos cantos nos queiran visitar. Pero renovamos a aposta pola calidade das propostas”, afirmou a responsable de Turismo, que tamén quixo agradecer o apoio e complicidade da Unión de Hosteleiros de Ourense (UHO) na xestión do concurso.

O secretario da UHO, Javier Outomuro, incidía pola súa parte na “profesionalización do concurso coa idea de que os locais participantes se involucren de maneira activa, e non só creando o mellor pincho posible de modo que o turista sinta a entrega dos hostaleiros de cara a este concurso”. Desde a asociación profesional destacouse tamén a importancia do desenvolvemento da marca Sabores de Ourense, de forma que “ano tras a ano se revalorice con todas as actuacións relativas á promoción da gastronomía”.

O concurso
Como en anos anteriores, o custo do pincho non supera os 2,50 euros e a maioría dos locais elaboran bocados aptos para celíacos ou adaptables para eles.

Na categoría de votacións, seguirá habendo tres xurados: o profesional, con recoñecidos nomes do mundo da cociña, o da prensa, e o do público, que só por participar entra no sorteo de diversos premios cedidos polos patrocinadores e colaboradores do concurso. Poderano facer de dúas formas diferentes: a través da papeleta tradicional, logo de probar tres pinchos, e, como novidade desta edición, tamén a través dos seus teléfonos móbiles e tabletas grazas a unha innovadora app que se poderán descargar gratuítamente tanto para as plataformas de iOS coma de Android.