Jesús Vázquez no Paseo

Aposta por mellorar a rede de bibliotecas municipais e impulsar o que denomina “Ourense creativo” de apoio a empresas do ámbito cultural e innovador.

 “Impulsaremos Ourense como cidade literaria para dar a coñecer o atractivo dunha capital que acumula máis de 175 escritores e pensadores”, dixo este xoves o candidato á alcaldía polo Partido Popular, Jesús Vázquez, quen lembrou que poucas cidades coma Ourense teñen tanta presenza literaria en obras de autores altamente representativos. Vázquez visitou os stands dos libreiros instalados na rúa do Paseo con motivo do Día Internacional do Libro, onde mercou algún exemplar.

O candidato popular entende que este é un valor “en si mesmo, unha riqueza que debe servirnos para entender as posibilidades de promoción e proxección exterior que ten a nosa cidade e que debemos aproveitar”.

Vázquez Abad defendeu tamén a necesidade de impulsar e potenciar a rede municipal de bilbliotecas, para achegar os libros e a lectura á cidadanía. “Nos libros está o mundo enteiro, está toda a sabedoría”.

Asemade, no eido cultural, defendeu a posta en marcha dun programa de promoción do “Ourense creativo”, con espazos onde se ofreza asesoramento e infraestructuras para desenvolver obradoiros ou a posta en marcha de pequenas empresas de ámbito cultural vencelladas ás novas tecnoloxías e ao mundo urbano. Estes niños de empresas poden ser o xérmolo de proxectos prometedores, “porque Ourense ten persoas moi cualificadas cun alto nivel de innovación”.