Pancarta do BNG sobre exilio mocidade

Programas específicos de emprego, políticas de vivenda, prezos especiais para actividades culturais, potenciación do asociacionismo e a creatividade ou dotación de áreas de lecer son algunhas das propostas dos nacionalistas na campaña das municipais.

O BNG – Asembleas Abertas colocou este xoves unha pancarta no Parque de San Lázaro para chamar a atención » sobre o grave problema que representa o exilio das nosas mozas e mozos», 70 ao día nos últimos catro anos que marcharon de Ourense ao non atopar saída laboral aquí.

A candidata, Susana García, fixo refernecia ás accións que poden frear este «exilio»  que porán en marcha se gobernan: un plan de choque contra o desemprego xuvenil con programas específicos de emprego, bolsas para titulados para a posta en marcha de proxectos relacionados coa economía local, axudas para o retorno da mocidade emigrada e creación dunha rede municipal de empregabilidade xuvenil que xestione unha bolsa de ofertas de traballo.

Apuntaba Susana García que o futuro da nosa cidade pasa por garantir o futuro da mocidade e para o BNG-Asembleas Abertas é «unha prioridade». Neste senso, teñen programadas políticas de vivenda específicas para a xente moza para favorecer o seu acceso a este dereito. Tamén xestionarán dende o Concello, en colaboración coa Universidade, unha residencia universitaria pública.

A candidata nacionalista tamén anunciou outras políticas específicas relacionadas co transporte, a cultura o lecer, o deporte ou a sexualidade “queremos ampliar os horarios e rutas do Moucho-bus, manter a reducción de tarifas no servizo de transporte público, xestionar prezos especiais para as actividades culturais do concello, potenciar o asociacionismo con locais autoxestinados, desenvolver programas de información e asesoramento afectivo-sexual, dotar a cidade de áreas recreativas de lecer e por suposto comprometémonos a abrir a Casa da Mocidade”.

O BNG-Asembleas Abertas aposta claramente pola mocidade e por isto, na sua candidatura 5 dos 10 primeiros postos están ocupados por mozas e mozos menores de 30 anos.