Ourense en Común

As políticas de benestar social serán a súa prioridade, con propostas como un parque de vivenda social, un servizo de mediación para evitar desafiuzamentos e un fondo de protección social.

 

Ourense en Común adiantou este xoves as liñas mestras do seu programa electoral, que se rexe polos principios da “eficiencia na xestión política” e de estratexia na que “todas as accións deben responder a un modelo de cidade”, segundo explicou o número tres da lista Martiño Xosé Vázquez.

Vázquez anunciou que o primeiro que farán, de chegar ao Concello de Ourense, será unha auditoría das contas públicas. Tamén propoñen un plan de avaliación e reorganización da administración, un programa de racionalización do gasto público, a remunicipalización de servizos públicos, e a participación da cidadanía nas decisións que afecten ao futuro da cidade, como poden ser o PXOM, a entrada do AVE ou os orzamentos. Por iso son críticos coas “présas” do Goberno municipal en pechar o contrato do transporte urbano e rexeitan “vicios adquiridos”, en palabras do seu candidato á alcaldía Miguel Doval, como o feito de dispor de coche oficial e chofer. En canto ao modo de realizar referendos cidadáns, están traballando “nas ferramentas e nos métodos” dun proceso que non se pode limitar “ao voto telemático”.

Todas estas propostas estarán supeditadas a garantir o benestar social nunha cidade que, como apuntaba a número 2 da lista Ledicia Piñeiro, ten un índice de pobreza do 23,2%, o máis alto das sete cidades galegas. Neste eido Ourense en Común propón crear un parque de vivenda social, un servizo de mediación para evitar desafiuzamentos e un fondo de protección social.

Unha candidatura de “activistas”

A rolda de prensa tamén serviu para poñerlle cara a gran parte dos integrantes da candidatura de Ourense en Común que, en palabras de José Manuel Gutiérrez (histórico de Esquerda Unida e membro da plataforma), é unha candidatura “fundamentalmente de activistas” pois se algo caracteriza a todos eles é a súa participación en todo tipo de movementos sociais. Ábrea o histórico líder veciñal Miguel Doval e péchaa outro histórico, neste caso político, Manolo Peña-Rei.

Doval apuntou que é “un orgullo, unha honra e unha responsabilidade enorme” encabezar a lista, e que Ourense en Común fai “unha política diferente”, na que “se acabou o de ser meros espectadores da política; queremos xente actora e activa”.

Acto público esta tarde

Ourense en Común presentarase públicamente esta tarde, cun acto de homenaxe á cultura coincidindo co Día do Libro, ás 20 horas nos xardíns do Padre Feijoo. No caso de choiva trasladarano á praza Maior.