Proxecto de voluntariado de APES

«Cadeas Solidarias» nace coa intención de crear unha rede de centros educativos e recursos da cidade ourensá interesados en sumarse a unha acción solidaria.

A Asociación para a Prevención da Exclusión Social (APES) vén de pór en marcha o proxecto «Cadeas Solidarias» en colaboración co Espazo Xove Ourense, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, co obxectivo de promover o voluntariado social entre o alumnado de tres centros educativos da cidade: Concepción Arenal, Divina Pastora e Luis Vives. Prevención, reinserción e educación únense nun proxecto solidario e innovador.

A iniciativa trata de conxugar a colaboración voluntaria de internos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar coa dos alumnos e alumnas que formarán parte desta cadea solidaria buscando alternativas para darlle un destino social a 20 bicicletas doadas á asociación promotora do proxecto.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, asistiu ao encontro interescolar no que responsables de APES presentaron este proxecto a preto de 50 alumnos e alumnas de ESO. Martínez animou aos rapaces a colaborar nesta iniciativa e agradeceulle ao equipo da Asociación para a Prevención da Exclusión Social o seu labor desenvolvido neste campo do voluntariado. Martínez destacou do último proxecto de APES o seu intento de implicar á comunidade escolar grazas a un modelo de educación non formal que está sustentado polo principio “aprender facendo un servizo á comunidade”.

“Cadeas Solidarias”
O voluntariado dos presos consistirá en arranxar e poñer a punto as bicicletas. Segundo o delegado territorial esta acción voluntaria “permite ás persoas sentirse útiles e axuda a xerar valores moi positivos que favorecen ao conxunto da nosa sociedade. Uns valores que se multiplican cando falamos de persoas privadas de liberdade”.

Por outro lado, os alumnos serán protagonistas de todo un proceso: recadación de fondos ou materiais necesarios, loxística para a entrega das bicicletas, espazos para reunións de traballo que posibilite a entrega das bicicletas a entidades de acción social, enmarcando esta actividade dentro doutra campaña, tamén xestionada por APES, que baixo o título «Cumprindo ilusións» busca o sorriso dos nenos máis necesitados.