Lectura de textos, música tradicional ou xogos para cativos son algún dos actos que terán lugar para festexar o día adicado a Xosé F. Filgueira Valverde.

 

Diversos son os municipios ourensáns que acollen actos esta fin de semana para festexar o Día das Letras Galegas 2015, que está adicado nesta ocasión a Xosé Fernando Filgueira Valverde.

Allariz
En Allariz a celebración dará comezo ás 12:30 horas do domingo 17 de maio na praza Maior coa lectura de textos do escritor pontevedrés, seguida da actuación da Escola de Danza e a banda de gaitas de Allariz.

Maceda
En Maceda, a Asociacion Cultural Aira das Mantas organiza tamén o domingo desde as 12:30 a VI Feira do Libro Galego, que estará ubicada na praza das Toldas e acolle así mesmo exposición e venda de artesanía galega (traxes e instrumentos tradicionais, manufacturas en cristal, complementos en tela, prata , pedras…). Ás 12:45 comezarán as actuacións dos grupos Chouteiros, Debanadoira e Maçaeda de Limia.

Xa pola tarde, desde as 17 horas actuará a banda de gaitas A.C. Os Xuncos e a de Maceda, as Pandereteiras da María, e haberá contacontos para os máis pequenos.

Dende a organización adiantan que haberá sorpresas e agasallos para os asistentes.

Xinzo
Xinzo de Limia acolle actividades tanto o sábado 16 como o domingo 17. O sábado terá o I Festival de bandas de gaitas “Vila de Xinzo de Limia”, que inclúe ás 19:30 horas un percorrido polas rúas das bandas participantes, con saída na Escola de Gaitas e remate na praza Carlos Casares, pasando polo Barrio Vello, praza de Oriente, rúa do Peto, avenida de Ourense e Curros Enríquez.

Xa o domingo, das 10 da mañá ás 10 da noite haberá venda de libros en galego na praza Maior. Ademais, ás 11:30 horas terá lugar a lectura da obra teatral infantil “Agromar”, de Filgueira Valverde, e ás 12:30 a praza Maior acollerá actuacións de baile rexional galego. Pola tarde, ás 18 horas celebrarase un desfile da Agrupación Musical da Limia, dende a praza Maior ata a Casa da Cultura; e ás 18:30, o concerto “Homenaxe a Galicia” no auditorio municipal.

Actividades da Xunta para nenos
Pola súa banda, a Conselleríade Cultura e Educación organiza na provincia diversas actividades didácticas e divulgativas sobre a figura de Filgueira Valverde. Entre elas, ‘Imos xogar con Xosé Filgueira Valverde!’ que, por medio dun divertido xogo por equipos, os participantes descobren a orixe e o significado do Día das Letras Galegas, achegándose á obra dos autores e autoras homenaxeados nese día, e en especial ao autor homenaxeado en 2015.

Este xogo realizarase o sábado 16 de maio a partir das 11:30 horas na biblioteca pública de Ourense, o 17 de maia ás 12 na de Ribadavia e o 18 de maio ás 12 na da Rúa.