Festival Xardíns Allariz

Xunto ás 10 creacións que entran en competición, exhíbese tamén o xardín creado polos escolares da localidade e o gañador do ano pasado. Agárdase que reciba 40.000 visitantes.

O Concello de Allariz está a ultimar os preparativos para a apertura da sexta edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz que terá lugar o vindeiro domingo 17 de maio. A Música no Xardín inspira o evento paisaxístico nesta ocasión.

Único en Galicia e no resto do Estado, non só polo seu formato senón por constituír a forte aposta na que o paisaxismo convértese nun elemento de desenvolvemento social e económico. Dez xardíns efémeros, adicados á música, entran no concurso que se desenvolverá dende maio ata outubro.

O domingo 17 de maio ás 19 horas, acompañado da música da Banda Unión Musical de Allariz, abrirá as súas portas a sexta edición do FIXA. Xunto aos 10 xardíns que entran en competición polos votos dos preto de 40.000 visitantes que pasan anualmente polo festival, exhíbese tamén o xardín que realizan os escolares da localidade e o gañador do ano pasado, IN HOUSE, do coreano Taekyung Kim, que queda exposto unha edición máis.

Concurso 2016
Ademais da celebración do propio festival, xa está aberto o proceso de selección de propostas para a edición 2016, cuxo tema central será “Os Xardíns do Futuro”.

Os paisaxistas, xardineiros, profesionais ou afeccionados, que queiran participar, poden xa enviar os seus proxectos. O prazo finaliza o 15 de novembro, segundo estipulan as bases, que se poden consultar na web www.allariz.com/festival.