Xavier Vence e Susana García

O portavoz nacional, Xavier Vence, proclamou en Ourense que o 24 de maio é unha oportunidade para converter o concello de Ourense “nun bastión contra o caciquismo asfixiante que exerce Baltar no conxunto da provincia”.

 

“Hai que recuperar Ourense para a xente, para que esta cidade e esta provincia deixen de ser consideradas como a finca particular de ninguén, sen a política clientelar e corrupta que impón Baltar fillo, fiel herdeiro do seu pai con un único cambio: a boina polo twitter”, ironizou o dirixente nacionalista, durante un mitin este xoves no Centro Cultural Ángel Valente.

A política que representa o PP en Ourense, -consentida por Feijóo a cambio dos votos-, “é como un veleno de consecuencias letais que se traduce en despoboación, envellecemento, emigración, paro e parálise económica que deixa sen futuro a esta parte do país”, advertiu Vence, “onde os concellos son utilizados como ferramentas de control político e as administracións públicas como axencias de colocación de familiares e amigos políticos de Baltar”.

No mitin en Ourense, salientou que a candidatura BNG-Asembleas Abertas que lidera Susana García representa a alternativa de toda a cidadanía “rebelde” que non se resigna a elixir entre os partidos do réxime bipartidista que conforman PP e PSOE. “Somos a alternativa á vella política clientelar do PP e ao desgoberno dun PSOE perdido en loitas internas e máis preocupado por defenderse das imputacións da xustiza que dos problemas da veciñanza”. “BNG-Asembleas Abertas presenta unha candidatura renovada, de xente honesta e traballadora, cun proxecto político capaz de dar paso a unha nova etapa na cidade”, subliñou.

A candidata Susana García advertía contra o candidato do PP, Jesús Vázquez, cuxa aspiración “é converterse no brazo executor dos recortes de Feijóo en Ourense, como xa fixo ao seu paso pola Xunta nun servizo básico como a educación pública”. “Ourense non precisa recortes, precisa propostas e iniciativas concretas como as que presentou o BNG ao longo dos últimos anos”, salientou García, tras instar a reflexionar sobre que ocorreu na cidade tras a nosa saía do goberno. “Parálise e incompetencia”, sintetizou.

García explicou que a prioridade de BNG-Asembleas Abertas “será poñer os recursos orzamentarios do concello ao servizo da creación de emprego para traer de volta a xente moza, Ourense non pode construírse un futuro se expulsamos a nosa xuventude por falta de oportunidades de traballo”, proclamou Susana García, quen tamén asegurou que encontrar emprego na cidade “non pode depender da rede clientelar dos políticos de sempre”.

Diálogo e transparencia

A outra gran aposta é acadar un Ourense “con servizos públicos e de calidade”, freando as privatizacións,“caldo de cultivo da corrupción como se ten demostrado”, e pola remunicipalización progresiva a medida que vaian expirando as actuais concesións.

Finalmente, García comprometeu “un Concello coas paredes de cristal, porque é a casa do pobo, a xente desta cidade ten que volver a recuperar o seu concello, que o sinta como a administración máis próxima, que dialoga e aporta solucións”, explicou, un concello “que aporte calidade de vida e do que sentirnos orgullosas”, concluíu.