Os socialistas din que apoiaran as iniciativas cidadáns e mobilizacións en defensa do concello de Taboadela.

 

O PSdeG-PSOE de Ourense demanda a revisión do proxecto de construción da plataforma de integración urbana e acondicionamento da rede ferroviaria de Ourense nos tramos Taboadela- Seixalbo e Seixalbo-Tunel de Montealegre, porque consideran que prexudica á poboación do concello de Taboadela. «Unha infraestrutura destas características e que marcará o crecemento de Taboadela, ten que ser unha oportunidade para toda a poboación e, cando menos, debe contar co consenso do concello e dos veciños», aseguran nun comunicado.

O 6 de maio publicouse no BOP a relación individualizada e concreta dos bens e dereitos afectados pola construción de dita plataforma. No tramo Taboadela- Seixalbo hai 33 parcelas afectadas no curso do trazado que discorre polo termino municipal de Taboadela. No tramo Seixalbo-Tunel de Montealegre hai 277 parcelas afectadas no termino de Taboadela, cando o trazado discorre por San Cibrao e Ourense.

Estas parcelas vanse dedicar a depositar escombros procedentes de diversas zonas do trazado, especialmente no que se refire aos túneles de Rante e Montealegre. Estas parcelas sitúanse preto da zona urbanizable e residencial de Espiñeiro, cun gran valor urbanístico e de potencial crecemento. Ademais de situarse moi preto da residencia da terceira idade.

A expropiación das parcelas para este acopio de material faise, a diferenza doutras zonas, con carácter definitivo e non temporal. En total serán preto de 50 hectáreas e un movemento de escombro de preto de dous millóns de metros cúbicos e que prevé que estes alcancen unha altura de aproximadamente catro metros.

Dende o Partido Socialista de Ourense presentáronse iniciativas en todas as institucións: Concello de Taboadela, a través do portavoz e candidato Álvaro Vila Araujo; Deputación Provincial; Parlamento Galego, a través do deputado Raúl Fernández, e no Congreso dos Deputados, pola deputada Laura Seara. Neste senso o PSdeG apoiará as iniciativas cidadáns e mobilizacións en defensa do Concello de Taboadela.

Os representantes do PSOE denuncian que estas actuacións van supoñer «un cambio radical na fisonomía da zona», e cuestionan o informe favorable de Mediambiente sobre esta actuación. «Esta decisión vai supoñer un trasiego de vehículos e maquinaria pesada durante varios anos e en traxectos de mais de sete quilómetros, con importantes problemas en canto á funcionalidade e peligrosidade», afirman.

Os socialistas solicitan que se revise a distribución das expropiacións, para que o Goberno central e o Goberno galego en exercicio das súas competencias estuden a posibilidade de diversificar entre os tres concellos afectados.