«Traballaremos para que trala chegada do AVE, o corredor liberado sexa transformado nunha senda verde», propoñen.

Ourense en Común expuxo este xoves no Parque de San Lázaro a súa proposta de mobilidade, que definen como «seria, realista e realizábel para un mellor Ourense, unha cidade das persoas».

Na súa opinión, o actual sistema de transporte urbano do Concello de Ourense deixa amplas zonas sen servizo, “hai barrios que non teñen nin conexión directa cos seus propios centros de saúde como é o caso de Castro de Beiro, algo semellante pasa en San Francisco”, apunta Martiño Xosé Vázquez. Ademais, as frecuencias son en numerosas liñas moi reducidas, hai unha falta de conexión directa entre os principais centros de atracción da cidade e unha sobrecarga do eixo nortesur. Un deseño que ademais non permite a intermodalidade e é moi contaminante. «Unhas graves deficiencias que non se subsanaron na convocatoria do novo concurso público de trasporte urbano, feito á présa e sen escoitar aos axentes sociais, demandas que nós si tivemos en conta para a elaboración do noso Programa Participativo», sinalaron.

Dende Ourense en Común apostan por reordenar e impulsar o transporte urbano e dar collida as novas formas de mobilidade, “que unha persoa que viva en Seixalbo e baixe en bicicleta ao centro poida volver a casa no bus coa súa bici” pon de exemplo o número 3 da candidatura de Ourense en Común.

Ademais Ourense é a terceira cidade de España na que peor uso lle damos ao transporte particular. O mellor exemplo deste defecto é  o colapso que provocan no tráfico os coches de nais e pais que levan aos cativos aos colexios, “unha cidade na que as nenas non poden ir camiñando ao colexio non é unha cidade segura, saudábel nin exemplo de nada” reflexiona Martiño Xosé Vázquez.

É por isto que levaremos a cabo medidas a custe reducido como a pacificación do tráfico de todos os barrios da cidade. “Apostamos por un modelo de cidade lenta, cómoda para ser vivida e onde conquistemos os espazos secuestrados polos coches” di Martiño Xosé Vázquez. Ademais, desenvolverán unha estratexia de expulsión progresiva do tráfico rodado do interior da cidade mediante o apoio do transporte metropolitano. Este debe ir acompañado da construción de aparcadoiros disuasorios á entrada da cidade e completar o eixo de circunvalación exterior.

A entrada do AVE
Dende OUeC tamén queren reducir ao máximo o impacto da integración da Alta Velocidade en Ourense e aproveitar a súa chegada para que “ese corredor liberado suture unha ferida que hai no Concello, a división entre barrios ”. Esta formación aposta por unha conquista progresiva dese espazo, levantando as vías e construíndo zonas axardinadas, sendeiros, infraestruturas deportivas e un carril bici. Un corredor verde. Nas intervencións arquitectónicas subordinadas ao AVE deberán primar a utilidade e integración na paisaxe natural, cultural e humana da cidade e a nova estación deberá garantir unha correcta intermodalidade entre diferentes medios de transporte.