A construción dun centro de día, unha residencia para maiores, unha escola infantil ou un comedor social son algúns dos seus proxectos.

 

Segundo aseguran os populares, as políticas sociais levadas a cabo polo grupo de goberno do Partido Popular en Verín teñen como finalidade a integración, autonomía e obtención dunha maior calidade de vida, previndo e eliminando as causas que conducen á exclusión social. Dende a entrada no Concello de Verín “apostamos por uns servicios sociais de calidade, incrementando os medios materiais e persoais destinados a políticas sociais”. “Durante este último mandato foron atendidas máis de 10.000 consultas en Servizos Sociais, e nestes anos aumentouse a partida de gasto social en 91,4%”, lembran.

Na actualidade, os programas que se desenvolven son: o Fondo de Emerxencia Social; axuda no fogar a persoas maiores e dependentes; a renda de inclusión social; proxecto de desenvolvemente do colectivo xitano; a oficina de atención a inmigrantes e retornados; a Escola de Familia Municipal; o Centro de Información á Muller (CIM); o Fondo Social Municipal; a Unidade de condutas aditivas; oficinas municipais de información xuvenil e ao consumidor; e o Centro ocupacional para persoas con discapacidade intelectural.

Proxectos de futuro
Con todo, o PP xa ten en mente novas iniciativas para os próximos anos, como son os programas de orientación en materia social, atención á dependencia e urxencias sociais, apoio familiar, inserción social, atención a menores e discapacitados, erradicacion do chabolismo, prevención de drogodependencias e comedores sociais.

Asì mesmo, construirá un centro de día para maiores dependentes, ubicado ao carón do Hospital de Verín, con 50 prazas e que crearía 18 postos de traballo; unha residencia para maiores de 65 anos, con 200 prazas; comedor social para maiores; unha escola infantil, con 75 prazas; vivendas tuteladas comunitarias (para maiores, violencia de xénero, casos de menores e transeúntes); un espazo de lecer semidirixido para mozos; un lugar de encontro (para os rexímenes de visitas, comunicación e estancia dos menores cos seus proxenitores cando exista conflicto familiar); creación de programas de envellecemento activo e de termalismo terapéutico para maiores; consolidar medidas de conciliación e igualdade; posta en marcha de peke-robots (para introducir aos cativos de entre 5 e 8 anos na linguaxe de robótica); e mellora da accesibilidade para persoas con discapacidade.