Elvira Lama asegura que, cando chegue á alcaldía, os revisará para reducilos, “empezando polo IBI que o PP subiu un 60% en catro anos”.

 

A candidata socialista á alcaldía de Xinzo, Elvira Lama, comprométese a aprobar unha baixada do Impostos de Bens Inmobles en canto sexa alcaldesa, tal e como recolle o programa dos socialistas de Xinzo. Nos últimos catro anos, con Antonio Pérez na alcaldía, o IBI subiu un 60%, o que converteu a Xinzo nunha das poboacións de España cun maior incremento porcentual deste imposto. Esta medida enmárcase dentro de unha revisión xeral de tódolos impostos municipais para a súa baixada despois de catro anos de subidas continuadas.

Ademais de baixar impostos, o próximo goberno socialista de Xinzo aprobará fórmulas para o pago aprazado dos impostos municipais para aqueles veciños que o precisen.

“O que fixo o PP cos impostos en Xinzo é unha tomadura de pelo aos veciños, que asistiron perplexos ás sucesivas subidas de impostos mentres baixaba a calidade dos servizos prestados polo propio concello”, explica Elvira Lama. A esta situación, xa de por si grave, engádese que Antonio Pérez «endebedou ao concello de Xinzo en polo menos 8 millóns de euros, aos que haberá que sumar tódalas facturas impagadas e agochadas nos caixóns municipais», asegura.

“Antonio Pérez terá que explicar alto e claro para que se subiron abusivamente os impostos se a débeda non decreceu, senón que se disparou ¿Onde están logo os cartos?”, pregúntalle directamente ao candidato do PP.

O socialistas de Xinzo lembran que esta xestión do alcalde xa foi penalizada polos tribunais de Xustiza con polo menos 7 sentencias e advirten que si se tratase dunha empresa, “Antonio Pérez tería sido destituído fai xa tempo”.

Fronte a esta dilapidación e mala xestión dos cartos públicos, Elvira Lama establecerá dende o goberno mecanismos e fórmulas para que os veciños participen na elaboración dos presupostos municipais, propoñendo e priorizando inversións, así como na posterior fiscalización e control do gasto.