Independentes da candidatura do BNG

A maioría deles participan en distintos movementos sociais e apostaron polo BNG-Asembleas Abertas «porque o nacionalismo sempre buscou o diálogo coa cidadanía e co tecido social».

 

Candidatos independentes do BNG-Asembleas Abertas explicaron as razóns que os levaron a participar no proxecto nacionalista para a cidade de Ourense.

Iria Aldomar sinalou que era a primeira vez que formaba parte dunha candidatura “na que me sinto totalmente integrada porque tamén tiven a oportunidade de colaborar na confección do programa de goberno co que o BNG-Asembleas Abertas quer facer fronte ao momento de urxencia social e económica que vivimos”.

Pola sua banda, Angel Amaro apuntaba que a “chave da cidade” da que se facía entrega á cidadanía “simbolizaba o protagonismo que o BNG-Asembleas Abertas nos dá a nós e a todas as veciñas e veciños á hora de decidir cómo debe ser o modelo de xestión municipal”.

Na xuntanza, na que tamén estaban os independentes Hipólito Ordoñez e Xosé Ramón Álvarez, xunto coa cabeza de lista e outras candidatas, tamén se falou da importancia que ten para os nacionalistas elaborar e executar uns orzamentos nos que participe a xente «para decidirmos entre todas e todos onde se destinan os recursos, a súa orixe -impulsando a xustiza fiscal dos impostos e taxas- e a prioridade deses fondos públicos que hoxe temos clara: o emprego e benestar social».