Proporcionará menús saudables para comedores colectivos, cursos para escolares e poboación xeral e paseos por diferentes rutas da cidade.

 

A Concellería de Saúde do Concello de Ourense pon en marcha unha nova edición do programa de promoción de boas prácticas alimentarias e prevención activa da obesidade. O seu obxectivo é fomentar patróns alimentarios equilibrados que garantan unha nutrición máis saudable na poboación e sensibilizar sobre os beneficios dunha dieta equilibrada e o mantemento dun peso axeitado, corrixindo erros na alimentación diaria.

O programa inclúe accións dirixidas a comedores colectivos, escolares e poboación en xeral, actuando desde a prevención fronte a obesidade, unha pandemia caracterizada polo exceso do peso corporal, que se está a converter nunha das maiores ameazas para a saúde nos tempos actuais. Galicia ten unha das taxas máis elevadas de España, cun 23% de persoas con obesidade e 42% de sobrepeso, segundo os datos da Enquisa Nacional 2007.

O programa inclúe catro tipos de accións. O primeiro, un Plan de menú para comedores, un servizo de asesoría alimentaria para comedores colectivos que ofrece formación, recursos e colaboración. Proporcionará plans de menús cíclicos aos comedores para cada tempada do ano, equilibrados e adaptados aos comensais.

O segundo, unha Aula alimentaria nos comedores dirixida a escolares de 4º de Primaria (9-10 anos), idade na que comezan a adquirir os hábitos e estilos de vida, polo que resultan máis eficaces as intervencións en promoción e prevención da saúde.

O terceiro, unha Aula alimentaria para poboación en xeral, que ofertará dous cursos, especialmente dirixidos a persoas que atenden comedores colectivos: de Hixiene e manipulación de alimentos e de Actualización normativa de alérxenos alimentarios nos comedores.

O cuarto, a Promoción do exercicio físico, coa actividade “Paseos para todos/as” que se desenvolverá os 4 sábados do mes de xuño pola mañá. Son 4 rutas deportivo-culturais, pensadas para persoas de tódalas idades, que discurrirán por zonas de especial interese e actractivo. Non requiren inscrición previa, terán como punto de saída e chegada (ás 10 e 13h) o Pavillón Municipal dos Remedios: o sábado 6 de xuño a Ruta do Miño, o 13 de xuño, a Ruta do Barbaña, o 20 de xuño a Ruta do Castro Santomé e o 27 de xuño a Ruta Botánico de Montelagre.

Información e inscricións

As persoas interesadas en participar nas actividades propostas neste programa poden solicitar máis información ou inscribirse na Concellería de Saúde, na rúa Concordia, 20, entrechán, teléfono 988 510 622, ou alimentacion@ourense.es.