O debate, que terá lugar ás 20 horas no Liceo, acollerá a seis dos representantes das formacións políticas que se presentan o vindeiro 24 de maio á alcaldía de Ourense.

 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a través da súa demarcación en Ourense, organiza un novo debate electoral, neste caso entre seis candidatos á alcaldía. Celebrarase o luns, 18 de maio, ás 20:00 horas no Liceo de Ourense. O acceso é libre ata completar o aforo.

O debate acollerá a seis dos representantes das formacións políticas que se presentan o vindeiro 24 de maio á alcaldía de Ourense: Miguel Doval, de Ourense en Común; Susana García, do BNG Ourense-Asembleas Abertas; Xosé Mosquera, de Compromiso por Galicia; Aurelio Prado, de Anova; Jesús Vazquez Abad do PPdeG; e José Angel Vazquez Barquero, do PSdeG-PSOE. Democracia Ourensana, pola súa banda, foi tamén convidada a participar no debate, pero declinou asistir.

O debate estará moderado polo colexiado e xornalista de Radio Nacional de España Abelardo Vázquez (Ferrol, 1958). Vázquez iniciou a súa carreira profesional en 1976 na emisora La Voz del Miño de Ourense e desenvolveuna principalmente en RTVE. En 2006 fixose cargo da Xefatura de Informativos en Andalucia, e en 2007 director do Centro Territorial de TVE en Sevilla, e director de Nacional de TVE entre 2008 e 2010. En 2010 volveu a Ourense, onde traballa en RTVE. O veterano xornalista tamén é colaborador e columnista en distintos medios.

Estrutura do debate

Tras a presentación do acto, cada candidato disporá de 1 a 2 minutos para resumir o seu programa, antes de comezar cos bloques temáticos sobre cuestións de actualidade para Ourense, como a economía municipal, o termalismo, os servizos sociais, o urbanismo ou o AVE. Ningún partido coñecerá de antemán as preguntas, tan só a temática de cada bloque. Haberá opcións de réplica, pero sempre outorgando ao moderador a capacidade de regular o tempo.

O debate estará aberto a todas as persoas que desexen asistir, ata completar o aforo. Ofrécense tamén os medios dos que dispón o Liceo, con micrófonos e distribuidor, para que radios e televisións poidan gravar ou retransmitir o acto. Ademais diso, o debate será retransmitido polas redes sociais co hashtag #OurenseDebate.