BNG no rianxo

A candidata do BNG-Asembleas Abertas, Susana García, estivo este luns nos postos do rianxo da Praza de Abastos de Ourense para amosar o apoio dos nacionalistas ao comercio de produtos ecolóxicos e de proximidade.

Porén, o impulso do rianxo non se vai producir se non se acompaña da rehabilitación do edificio da praza e do seu contorno, integrada no conxunto de As Burgas, apuntan desde o Bloque. «Non estamos a falar de obras megalómanas senón do acondicionamento do entorno do rianxo e das instalacións do edificio para adecualas ás necesidades dos comerciantes e das usuarias-os”.

Por outra banda, Susana García tamén se referiu á xestión Praza de Abastos da Ponte, “ en canto cheguemos ao goberno ímola abrir e non contemplamos outra xestión que non sexa a pública, ben directamente polo concello ou cedéndoa para que a xestionen directamente as praceiras-os”.

No BNG-Asembleas Abertas apostan «firmemente» pola súa especialización «con produtos ecolóxicos e de proximidade no marco do Plan de Acción Local do proxecto Come Ourense», posto en marcha polo BNG ao seu paso polo goberno. O apoio institucional é «imprescindíbel» para potenciar o comercio de proximidade, sen intermediarios e como forma de autoemprego.