Ourense en Común

Constituirán un Grupo de Traballo Institucional (GTI) que estará composto por todas as persoas de Ourense en Común que sexan elexidas e estean dentro do Concello. Terá que render contas unha vez ao mes á Asemblea en Común.

 

Ourense en Común aprobou o pasado venres en asemblea o seu Código de Boa gobernanza, un documento que establece as bases do xeito en que OueC quere gobernar. “O código de Boa Gobernanza establece os principios dos que Ourense en Común se fornece para a posta en práctica do noso modelo de goberno”, sinalou a candidata Mavi Calviño, “xunto co Manifesto de OUeC, a carta de compromiso, Código de Ética Política, e como non, co noso Programa Participativo sentan as bases do que é o noso modelo de política e o noso xeito de facer política. A boa gobernanza, é a gobernanza para o Ben Común”, destacou.

Este Código de Boa gobernanza rexe tanto para o proceso cidadán de OUeC como para os seus representantes dentro da institución. E regula os comportamentos das persoas que están na corporación municipal. “É a nosa maior arma contra a corrupción e contra a competencia egoísta”, afirmou Mavi Calviño.

Non aos pactos para formar goberno
“Ourense en Común non realizará pactos para formar goberno con ningunha formación política”, afirmou Emilio Rodríguez Tilve, número nove da candidatura veciñal. “Facemos unha proposta de goberno e de programa totalmente diferente ás outras organizacións políticas e no que a participación é a nosa esencia, levamos un ano practicándoa, non quince días. E polo tanto non se dan en este momento as coincidencias necesarias tanto nos métodos de toma de decisións coma nas propostas programáticas para a cidade”, aseguran desde a plataforma cidadá.

Neste sentido, o número nove da candidatura cidadá Ourense en Común xustificou a importancia da decisión de non facer pactos de goberno. “Temos mecanismos internos e públicos de control sobre as súas representantes, de gobernar conxuntamente con outras formacións Ourense en Común perdería ese control sobre as concelleiras dese goberno e a participación veciñal non quedaría garantida”, indicou Rodríguez Tilve. “Isto non significa que Ourense en Común non poida formar goberno en minoría ou dar apoios puntuais a iniciativas de outras organizacións no Concello de Ourense. Esta decisión tomarase en base aos nosos principios, documentos e o programa participativo e, en todo caso, terá que ser referendada pola Asemblea en Común”, engadiu.

GTI e Concellería de Participación
Ourense en Común anuncia que constituirá un Grupo de Traballo Institucional (GTI) que estará composto por todas as persoas de Ourense en Común que sexan elexidas e estén dentro do Concello. “Queremos que quede claro que este GTI non vai ser a dirección política de OUeC, senón que, como todos os grupos, vai estar sometido ás decisión da nosa Asemblea en Común. E terá a obriga cada mes de render contas nunha asemblea específica para dar un informe e render contas da súa actividade e na que se tomarán decisións estratéxicas”, explicou Mavi Calviño.

En Ourense en Común afirman que fan unha aposta decidida pola participación das veciñas nas decisións que o Concello toma e que as afecta directamente. “Pero non é unha promesa electoral, é unha maneira de facer as cousas diferente, que nos define dende o inicio do proceso. Neste Código de Boa Gobernanza reiteramos a nosa intención de crear unha Concellería de Participación que vele e fomente esta implicación”, explicou Emilio rodríguez Tilve.

Tamén crearán un Consello da Cidadanía que será o órgano máximo de participación da veciñanza. Ademais haberá consellos cidadáns específicos de cada área, como o Consello da Mocidade ou o Consello da Mobilidade e tamén, Consellos de cada Barrio.“Queremos incorporar ao día a día do Concello as opinións de todas, de xeito progresivo, até que estes órganos teñan unha capacidade de decisión total. Para nós a democracia non é votar cada catro anos”, dixo Rodríguez Tilve.