Esta actividade enmárcase dentro do programa ‘Insergal’, unha iniciativa posta en marcha coa fundación Camiña Social que oferta recursos de formación prelaboral aos mozos e mozas dentro dos centros de reeducación.

 

 Un total de 15 menores do centro de reeducación Monteledo de Ourense realizaron, entre setembro e decembro de 2014, un curso de formación para desempregados (AFD) centrado en ‘Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería’ e con 348 horas de duración, no marco do programa ‘Insergal’, unha iniciativa que oferta recursos de formación prelaboral dentro dos centros.

A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz; e a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González; entregaron os diplomas aos participantes, que lles permitirá obter un certificado de profesionalidade con validez estatal.

Neste sentido, Ana Díaz lembrou que desde 2009 financiáronse actividades formativas e de recoñecemento da experiencia que permitiron que case 50.000 galegos e galegas obtiveran un certificado de profesionalidade e indicou que este ano a práctica totalidade das actividades formativas financiadas pola Consellería están vinculadas á obtención dun destes certificados, “o que sitúa a Galicia á cabeza de todas as Autonomías” neste tipo de formación.

Pola súa banda, Amparo González explicou que o programa ‘Insergal’, desenvolto en colaboración coa fundación Camiña Social, e ao que o departamento autonómico destinou 162.000 euros en 2014, ten por obxectivo o traballo remunerado e a formación ocupacional dos menores internados en centros. Diríxese a menores de máis de 16 anos suxeitos a medidas xudiciais na rede de centros de reeducación de Galicia. En 2014 participaron neste programa 163 menores e 23 acadaron un contrato de traballo.