Anova nas BurgasO candidato á alcaldía de Ourense, Lito Prado, e parte da candidatura de Anova, compareceron este martes nas Fontes das Burgas, no corazón histórico-turístico-termal da nosa cidade.

Nesta comparecencia, o candidato de Anova, denunciou que a nª 6 da candidatura do PP, Isabel María Castelo Villanueva é curiosamente a irmá de María Jesús Castelo Villanueva, a arquitecta que asinou «a recalificación e o maior pelotazo urbanístico da nosa cidade» ao pasar o soar de Xardín das Burgas de 2.000m2 a case 20.000m2 de edificabilidade.

Deste xeito Anova denuncia que detrás da lista encabezada polo señor Jesús “amigo de los que dan pelotazos” Vázquez «escóndense as intencións de saquear a cidade dun grupo de xente, vinculadas a un partido podre e coa corrupción no seu seo, investigados coma a propio cabeza de lista Jesús Vázquez pola operación Pokemon e con 19 candidatos á alcaldía imputados só na provincia de Ourense».

Anova considera que «non se pode permitir que volte gobernar o mesmo partido que secou as Burgas, que recalificou soares conforme a intereses privados para favorecer aos seus, que cambiou os planos do PXOM antes de seren aprobados e paralizou a cidade porque xa o fixeron unha vez e o farán de novo en canto teñan a ocasión».

Desde Anova entenden que despois da declaración por parte da Xunta de Galicia en 2008 de Ourense “Capital Termal” establécese a necesidade da posta en valor dos seus recursos termais. Así mesmo, consideran que o termalismo e o emprazamento das Burgas e súa contorna xogan «un papel estratéxico para o futuro do noso Concello».

Lito Prado presentou nesta rolda de prensa a proposta de Anova de crear a Empresa Pública Municipal Auria Auga, para o control, planificación, aplicación de I+D+i e xestión dos nosos recursos hídricos co obxeto de que a riqueza que se orixine reverta no comunidade.