Besteiro e Valcárcel en Barbadás

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou este martes en Barbadás que “non hai nada máis radical en Galicia que o Partido Popular polas súas políticas, a dereita está lonxe da moderación e a estabilidade”.

 

O líder do PSdeG estivo en Barbadás xunto ao candidato socialista á alcaldía, José Carlos Valcárcel. “Temos aquí os mesmos problemas que hai nos sitios onde goberna o PP, as súas políticas radicais que provocan desigualdade, desemprego e que os mozos e mozas teñan que fuxir de Galicia para atopar un futuro mellor”, afirmou Besteiro.

“Moderación e estabilidade na dereita, pouca, o Partido Popular non atende as necesidades de servizos básicos e a xente sabe que a papeleta do PSOE o día 24 é unha garantía de defensa do público”, manifestou o secretario xeral dos socialistas galegos.

“Barbadás é a cuarta vila da provincia de Ourense e un exemplo claro do pouco que lle interesan ao PP de Feijóo os problemas reais, este concello necesita de forma urxente un centro de saúde prometido en moitas ocasións pola dereita”, engadiu Besteiro.

Pola súa parte, o candidato á alcaldía insistiu en que “o novo centro de saúde é unha necesidade imperiosa para os 11.000 veciños de Barbadás, presentouse o proxecto varias veces pero nada, elección tras elección o PP incumpre sempre a súa promesa”.

“Tamén necesitamos outra escola infantil municipal, xa que os nenos e nenas que non teñen praza teñen que irse a Ourense e Toén, á marxe de coidar o rural, o noso patrimonio cultural e atender ás demandas dos 250 comerciantes de Barbadás”, rematou José Carlos Valcárcel.