BNG Barbadás

Os nacionalistas anunciaron que ademais de eliminar a simboloxía fascista que persiste empezará unha nova etapa na que o pobo decide no día a día.

 

O BNG de Barbadás denuncia o incumprimento da Lei da memoria histórica no que ten a ver coa eliminación da simboloxía fascista neste municipio. Para exemplo a fonte situada en Barbadás na que, malia terse feito recentemente unha actuación de rehabilitación por parte do concello, matense o xugo e as frechas.

Este martes varias persoas da candidatura do BNG-Asembleas Abertas comprometéronse coa recuperación da democracia en Barbadás, “aínda que teñamos que retirar esta simboloxía coas nosas mans”, afirmou o candidato Xosé Manuel Fírvida.

Para os e as nacionalistas unha verdadeira democracia non pasa só polo cumprimento estrito da lei de memoria histórica, pola restitución das vítimas do fascismo, senón que “a verdadeira democracia só é posíbel se lle restituímos a capacidade de decisión e o poder ao pobo e se erradicamos a corrupción das institucións” matizou o portavoz.

Así mesmo fixo fincapé en que “para o BNG a democracia non se predica, practícase” de aí que se compromete a “instaurar a democracia en Barbadás a partir do 24 de maio”. Para iso propoñen diversas medidas efectivas para propiciar a participación da cidadanía e sobre todo para que esta participación teña carácter vinculante e decisorio.

Entre esas medidas están a creación do Consello Municipal de Participación Cidadá dotado dun Regulamento propio no que se definan as súas competencias e participación nas decisión municipais en asuntos de relevancia, mesmo convocando referendos en asuntos como o Plan Xeral de Ordenación Urbana, Orzamentos, Plans de Obras Plurianuais, entre outros.

Tamén, en aras da transparencia comprometen a participación directa das e dos cidadáns nos órganos de selección para a contratación de persoal para “garantir a máxima transparencia e desterrar definitivamente coas prácticas caciquís”, conclúe Fírvida. Tanto neste caso como nas mesas de contratación de obras, subministros e servizos realizarase un sorteo para integrar nas mesma a un ou unha cidadá.