Tecnópole

As novas empresas e as súas introdutoras terán un desconto do 50% na súa factura o primeiro mes.

 

As empresas de Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole que actúen como introdutoras de novas empresas no recinto obterán un desconto na súas facturas de servizos equivalente á metade do importe que a nova inquilina desembolse en concepto de custos fixos (aluguer, internet, telefonía, etc.) durante o seu primeiro mes de estancia. Esta novidosa iniciativa busca dinamizar a instalación en Tecnópole, situada no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, de novas iniciativas de negocio baseadas na innovación e a tecnoloxía.

Ademais, como parte do incentivo deseñado para este fin, as novas empresas que entren baixo esta fórmula obterán tamén un desconto do 50% na súa primeira factura de servizos. Este será aplicable en calquera das modalidades de acollida que Parque Tecnolóxico de Galicia ofrece para empresas, desde a incubación de iniciativas emprendedoras ata a ocupación dunha parcela propia, pasando polas oficinas en réxime de aluguer e a domiciliación virtual.

Por outra parte, desde este mes as empresas xa instaladas en Tecnópole beneficiaranse de melloras no seu acceso aos servizos ofrecidos pola entidade e dunha optimización das condicións para emprendedores, co fin de aliviar a carga económica que soportan os negocios novos durante as súas primeiras etapas. Así, a tarifa lineal por metro cadrado que se aplicaba para os niños da incubadora (4,75 €/m2 ao mes) deixa paso a un custo fixo máximo de 118,75 eurosnsuais para os locais de ata 50 metros e descontos importantes para os que superan esta superficie.

Para todas as empresas, increméntase de un a dous os usos gratuítos das salas de reunións cada mes e ofrécese a posibilidade de domiciliación virtual doutra empresa asociada por só 47,50 €/mes.