A oferta de prazas públicas en escolas infantís en Ourense é totalmente insuficiente, a xuízo da formación nacionalista.

Hai uns días publicáronse as listas provisionais de admitidos e, un ano máis, haberá moitas familias ourensás que queden excluidas das prazas públicas e teñan que optar por un centro privado, cuns prezos moito máis elevados. Por por dous exemplos: na Galiña Azul da rúa Colón hai máis de 80 nenos e nenas en lista de espera e na escola infantil Antela do Couto máis de 180. «Sabemos que hai familias que solicitan en varios centros, polo que pode haber duplicidades, pero aínda así son moitos os que quedarán fóra da rede pública», segundo explicou hoxe o portavoz de Anova ao Concello de Ourense, Lito Prado.

Prado incidiu en que “dispor de escolas infantís públicas é unha necesidade básica”. “Aos dirixentes do PP éncheselles a boca falando de conciliación e incorporación da muller ao mercado laboral pero despois non ofrecen os mecanismos para facelo, asegurou. Por iso, e ante o custo que supón ir a unha escola infantil privada (o prezo medio está en 250-300 euros) moitas mulleres (e algún home, pero son moitos menos) deben renunciar aos seus traballos.

Actualmente en Ourense hai 5 escolas infantís públicas que non se axustan as necesidades reais da cidade. Dende Anova Ourense cren que o Concello debe cubrir esa carencia e crear máis centros. A súa proposta é que nos próximos catro anos se constrúan tres escolas infantís no Couto-Carballeira, San Francisco-Mariñamansa e A Ponte-O Vinteún. A ubicación definitiva non está definida xa que se faría tendo en conta a opinión da cidadanía e expertos.

Nais de día
Desde Anova Ourense tamén baraxan opcións alternativas ás escolas infantís. Unha é a de «nais de día», un sistema que existe dende hai anos en países como Francia ou Reino Unido e nalgunhas zonas de España, como Navarra, Madrid ou Aragón. Unha opción sería impulsar a creación dunha cooperativa para dar este tipo de servizo a aquelas familias que o prefiran fronte as garderías.