Ourense en Común

As forzas políticas que decidiron confluír na candidatura veciñal de Ourense en Común sentáronse diante dos medios de comunicación para dar publicamente o seu apoio a este proceso de traballo en común.

Levan case un ano traballando persoas de EQUO, Esquerda Unida (EU), Espazo Ecosocialista Galego, Por un Mundo Más Justo, Demos+ e tamén unha ducia de militantes de Anova con persoas que non militaban en formacións pero que dende os movementos sociais entenderon que é o momento de empoderarse como cidadás activas na política e acadar unha voz propia nas institucións municipais. 

O coordenador de Esquerda Unida en Ourense, José Manuel Guitiérrez destacou que “estamos encantadas de estar en Ourense en Común porque encaixa na nosa estratexia política, asegurou o lider de EU en Ourense.

Na rolda de prensa tamén compareceu o secretario xeral de Podemos en Ourense, Alfonso Víctor Ferreiro. “O día 24 hai que votar, a abstención é un luxo que non nos podemos permitir, e dende Podemos Ourense, cremos que a día de hoxe a única ferramenta que temos as veciñas e veciños de Ourense para trocar esa política no concello, é Ourense en Común”, manifestou.

Tamén amosaron o seu apoio á candidatura veciñal de Ourense en Común formacións como EQUO, Espazo Ecosocialista Galego, Por un Mundo Más Justo e Demos+.

Chus Boo, candidata número dous en Ames Novo por Espazo Ecosocialista, dixo que Ourense en Común saíu reforzada de todo o proceso e “nós apoiamos este movemento, porque pensamos que a colaboración política é o xeito de resolver os problemas que temos actualmente”.

Rafel Fenández, de Por un Mundo Máis Xusto dixo que “no noso partido cremos que a fin da pobreza está na política e por iso decidimos colaborar en Ourense en Común dende o momento que nos chamaron, porque o que buscamos é transformar a realidade política que nos rodea».

E Miguel Cid, voceiro na mesa Nacional de EQUO tamén quixo amosar o seu apoio a Ourense en Común e á súa candidatura; «pedimos o voto para Ourense en común para que o domingo sexa unha festa da participación política”, concluíu Miguel Cid.

Alfonso Fernández de Demos+ afirmou que «agora falta que o xesto da cidadanía nos axudedes co voso voto para poder cambiar a forma de facer política no Concello de Ourense”.

E rematou a militante de Anova, Rita González, explicando a súa implicación con Ourense en Común malia que esta formación tamén presenta candidatura propia. “Unha ducia de militantes de Anova, veciñas e veciños de Ourense estamos a apoiar Ourense en Común, ben coa nosa implicación e traballo na campaña ben coa nosa presenza testemuñal na candidatura, estamos apoiando unha plataforma veciñal, como Anova Irmandade Nacionalista vén facendo ao longo do territorio nacional”, explicou Rita González.

González lembrou o apoio explícito dado a Ourense en Común nun video por Xosé Luis Méndez Ferrín, militante da formación nacionalista e un referente da cultura e literaturas galegas.