CCOO Ensino de Ourense informa que o pasado 25 de abril xubilouse unha limpadora no IES As Lagoas e, un mes despois, aínda non foi substituída.

CCOO considera a situación de grave prexuízo ao verse afectada tanto a organización do traballo do centro como a propia salubridade do mesmo, implicando a máis un intolerable e innecesario incremento da carga de traballo para o colectivo encargado da limpeza.

CCOO denuncia a «tardanza neglixente» da Consellería de Educación na cobertura das baixas do persoal laboral que, en moitos casos, discrimina en función do centro ou do colectivos que se trate, sendo os principais afectados os traballadores do sector de limpeza.

CCOO censura a falta de criterio da Consellería pois “non parece de recibo que a Consellería, segundo do centro de que se trate, cubra as baixas con mais ou menos celeridade ou directamente nalgúns nin as cubra, ou o que aínda mais grave que non reparta equitativamente os efectivos, cando, ao noso entender, tódolos centros dependentes de Educación deberan ter o mesmo trato sexa un instituto da periferia, da cidade ou sexa a propia Xefatura Territorial de Educación na que sen dubida non teñen problemas de efectivos de limpeza”.

CCOO, en consecuencia, esixe que se cumpra a lexislación vixente nas ratios e se proceda a cubrir o posto de limpadora do IES As Lagoas de Ourense coa máxima urxencia, “polo menos coa mesma urxencia coa que se utiliza esa mesma lexislación para amortizar postos cando diminúen os metros a limpar”.